Las Casas, Gabriel de frei

Las Casas, Gabriel de frei

Arquitecto. Ingresou como leigo no mosteiro bieito de San Martiño Pinario en 1674, onde sucedeu ao seu mestre, frei Tomé Alonso, como mestre de obras. Concluíu a tribuna do coro alto da igrexa (1686-1689), continuou as obras do claustro procesional, edificou a nova sancristía (1694-1697), deseñou a fachada principal do mosteiro (1697) e realizou a portería e a escaleira abacial (1700). Proxectou as igrexas dos mosteiros de San Xoán de Poio (1688) e de San Paio de Antealtares (1699), realizou traballos de reforma e restauración das bóvedas da igrexa das Orfas (1698) e da capela do Rosario de San Domingos de Bonaval (1703), e das dependencias dos mosteiros de Santa Clara (1693) e de Santa María de Belvís (1704), onde tamén trazou a fachada da portería, o camarín da Virxe do Portal e, posiblemente, a súa capela (1694). Na catedral compostelá deseñou o sagrario e o expositor do altar maior. En competencia con Domingos de Andrade e Alonso González traballou no proxecto de ampliación do colexio de Fonseca (1701), e en 1705 comezou o claustro da catedral de Lugo. Elaborou propostas para a reedificación da colexiata de Santa María de Iria (1689) e do consistorio de Lugo (1707), que non se realizaron, e en 1697 fixo o proxecto de finalización da cabeceira da desaparecida igrexa do mosteiro bieito de San Vicente de Salamanca. Deixou inédito un tratado de arquitectura, hoxe desaparecido.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Villamañán de Campos, León

  • Deceso

    Lugar : León