Ledo Cabido, Bieito

Ledo Cabido, Bieito

Editor e director de Ir Indo Edicións. Realizou estudios de filosofía e teoloxía no seminario de Ourense. Licenciado en Filosofía pola Universidad Complutense de Madrid, impartiu clases como profesor no ensino privado. No ano 1975 trasladouse a Vigo, onde fundou a librería Ir Indo, e en 1979 incorporouse á Editorial Galaxia como director-xerente ata 1985. Posteriormente, ingresou no Concello de Vigo, onde desempeñou o cargo de xefe de Cultura e Educación. En 1978, como presidente do Círculo Ourensán-Vigués, fundou os Premios da Crítica que presidiu durante quince anos, para logo constituír a Fundación dos Premios da Crítica Galicia, da que é vicepresidente. En 1985 fundou en Vigo Ir Indo Edicións, unha empresa editorial na que leva publicados preto de 400 títulos en distintos campos: narrativa, infantil, xuvenil, novela, manuais, dicionarios, libros de imaxes -unha idea innovadora e pioneira en Galicia de Ir Indo Edicións que difunde nas coleccións Cidades e Vilas de Galicia-. En 1999 comezou un proxecto único, a Enciclopedia Galega Universal (EGU) e en 2003 abordou outra obra pioneira, o Dicionario Enciclopédico Galego Universal (DEGU). Foi membro fundador e primeiro presidente da Asociación Galega de Editores, membro fundador da Fundación Galicia-Empresa, membro da xunta directiva da Fundación Otero Pedrayo, e membro da Asociación de Amigos do Couto Mixto, entre outras asociacións. En nome da EGU, recibiu o Premio da Crítica Galicia como mellor Iniciativa Cultural en 2001 e o Trofeo Galeguidade no apartado de Medios de Comunicación Social da Enxebre Orde da Vieira en 2003. No ano 2005 o concello de Vigo nomeao Vigués Distinguido e no 2006 o concello de Xunqueira de Ambía concédelle a distinción de Fillo Predilecto. Nese mesmo ano publica o libro de relatos curtos "Aconteceres".

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Padroso, Xunqueira de Ambía