Lei de Normalización Lingüística
Lei para a normalización do galego que pretende garantir e regulamentar o proceso normalizador do galego como lingua propia do país, asegurar a igualdade do galego e do castelán como linguas oficiais de Galicia e servir de marco xurídico propio para posteriores procesos específicos en áreas concretas da sociedade galega. O texto final oficial da LNL foi debatido no Pleno do Parlamento o 15 de xuño de 1983 e aprobado, por unanimidade, por todos os grupos parlamentarios constituídos (AP, UCD, PSOE, PCG e EG). Os tres deputados do BNG-PSG non formaban parte do arco por expulsión ante a negativa a xurar acatamento á Constitución. Foi promulgada o 14 de xullo de 1983, pero en outubro o Goberno central (PSOE acababa de tomar posesión do executivo) interpuxo recurso contra dous artigos: 1.2 (“Todos os galegos teñen o deber de coñecelo e o dereito de usalo”) e todo o art 7, baseándose no art 161.2 da Constitución. O Tribunal Constitucional ditou sentenza xunto coas sentencias de impugnación das leis vasca e catalá (Sentencia do Tribunal Constitucional 82/1986, 83/1986 e 84/1986 no BOE de 4 de xullo de 1986). A sentenza declarou a inconstitucionalidade do inciso “o deber de coñecelo” do art 1.2 da Lei 37/1983 do Parlamento de Galicia por ser incoherente coa lóxica constitucional que só predica do castelán o deber de coñecer para todos os españois e desestimou as demais. O antecedente directo da lexislación lingüística posconstitucional no Estado español foi a promulgación do Decreto 2929/1975, de 31 de outubro, que regulaba o uso das linguas “rexionais”. A intervención do Estado en materia lingüística pode ir desde a declaración da oficialidade da lingua ao simple recoñecemento do dereito á non discriminación por razón de lingua (art 2 da Declaración Universal dos Dereitos da Persoa de 1948). No caso dos entes non soberanos, como as comunidades autónomas en España, as políticas lingüísticas están sempre supeditadas á primacia da lingua do estado: a autoridade central non está suxeita ao bilinguismo oficial mentres que si o está a autoridade autonómica. En canto a esta intervención o estudo realizado en 1993 polos quebequeses Gauthier, Leclerc e Maurais demostrou que, dun total de 173 estados, 130 adoptaron nas súas constitucións disposicións en materia de lingua (o 75%). En Galicia, a LNL é a norma que deu forma á normalización en catro ámbitos fundamentais: administración galega, o ensino, a toponimia e rotulación viaria e os medios de comunicación de titularidade autonómica. Esta foi necesaria xa que o Estatuto de Autonomía de Galicia (EAG) establece no seu art 5.1 que a lingua propia de Galicia é o galego no art 27.20 asúmese como competencia exclusiva a “promoción e o ensino da lingua galega” e no art 34, a creación e mantemento de medios de comunicación de titularidade autonómica. No EAG tamén se establece a oficialidade do galego e do castelán en Galicia, linguas que todos teñen o dereito de coñecer e usar. Por debaixo desta aparente paridade entre deberes e dereitos do galego e castelán en Galicia (e o mesmo ocorre co catalán e co éuscaro) agóchase unha desigualdade de base, derivada do tratamento que se lle dá ao castelán na Constitución española, lingua para a que se establece o deber de que todos os cidadáns a coñezan. Pero non existe ningún recoñecemento da obrigatoriedade do coñecemento das outras linguas oficiais nin na Constitución Española, nin nos distintos Estatutos de Autonomía. Unha oportunidade para establecer a paridade completa neste aspecto era establecer este precepto na LNL, mais o artigo 1.2, como xa se dixo arriba foi declarado inconstitucional (26.6.1986). Desta LNL cómpre destacar o recoñecemento do dereito dos cidadáns a utilizar o galego no ámbito da comunidade autónoma nas súas relacións coa administración (incluída a de xustiza), a oficialidade do galego en todos os niveis educativos, e o establecemento de que o galego será a lingua usual nos medios de comunicación dependentes das institucións da comunidade autónoma. A LNL estivo precedida da Lei Básica de Normalización do Uso do Éuscaro (BOPV, 16 de decembro de 1982) e da primeira Lei de Normalización Lingüística en Catalunya (Diari Oficial de la Generalitat, 22 de abril de 1983). A pesar de seren leis autonómicas non só se refiren ás respectivas linguas propias senón que tamén recoñecen de modo redundante os dereitos e deberes con respecto ao castelán (lingua cooficial).