Lei de Educación Primaria de 1945
Lei que, despois da Lei Moyano, inaugurou un novo estado social e político: o nacionalcatolicismo. Deu prioridade aos valores e contidos relixiosos e patrióticos sobre os esencialmente educativos. A educación entendeuse como unha tarefa que correspondía á familia, á Igrexa e ao Estado, mentres o mestre só tiña unha autoridade delegada. Prohibiuse a educación mixta, de maneira que se segregou a mestres e mestras e a alumnos e alumnas en centros masculinos ou femininos, segundo o caso. A formación intelectual, física e profesional organizouse nun plan cíclico dividido en catro períodos: iniciación (maternal e párvulos), elemental (6 a 10 anos), perfeccionamento (10 a 12) e iniciación profesional (12 a 15). O ensino só era obrigatorio entre os 6 e os 12 anos e, ao rematar, obtiñan a cartilla de escolaridade e un certificado de estudios primarios. Regulamentouse a inspección, a formación do maxisterio e mesmo a súa actuación profesional, administrativa, económica e disciplinar. Foi tamén o momento da creación das Xuntas Municipais de educación, das Comisións Provinciais e dos Consellos de Distrito Universitario. Todos eles baixo o control do aparato e a ideoloxía do Movimiento Nacional complementado coa doutrina da Igrexa Católica.