Lei Orgánica de Calidade da Educación
Lei Orgánica 10/2002, de 24 de decembro, que supón, sobre todo, un cambio da filosofía educativa con respecto á LOXSE. Sen publicar un Libro Branco, aprobouse unha norma que desbota os piares básicos da Reforma LODE/LOXSE: a escola participativa e o modelo comprensivo. A LOCE implantou un dobre sistema de segregación do alumnado: polo currículo e por centros. Aínda que nun principio podería pensarse que a principal forma de segregación reside na determinación de itinerarios diferenciados a partir do 2º ciclo da ESO ou na creación dos Programas de Iniciación Profesional (PIP), o certo é que se produciu fundamentalmente debido ao novo sistema de avaliación e promoción. Recuperouse a repetición de curso, os exames extraordinarios de setembro ou xullo e a reválida. Por outra banda a lei estendeu o réxime de concertos á escola infantil e o ensino da relixión católica volveu recuperar valor académico. A LOCE arremeteu contra o modelo de escola participativa e incrementouse o poder dos directores ao seren nomeados pola Administración mentres se lle restaron facultades ao Consello Escolar. Implicitamente desvalorizou e desvirtuou a participación dos pais, os alumnos, os profesores e o persoal non docente. Ademais xerarquizou o profesorado en corpos de distintos niveis aos que se accedía por oposición. En calquera caso non se pode afirmar aínda se a LOCE significou o punto de inflexión e regresión na traxectoria seguida ata agora para democratizar a escola, ou se, pola contra, foi un simple contratempo conxuntural de política educativa.