Lei Orgánica do Dereito á Educación
Lei que naceu como unha norma necesaria para desenvolver harmonicamente os principios da Constitución de 1978 en materia de educación, pero tamén como unha obriga lexislativa necesaria para a converxencia europea. Rodeada dunha gran polémica e de críticas por parte de grupos conservadores e da Igrexa Católica, foi protestada cunha manifestación sen precedentes e recorrida ao Tribunal Constitucional. De aí o atraso na súa aplicación porque, se ben foi aprobada no Parlamento en 1984, non foi sancionada ata o 3 de xullo de 1985. Garantiu, por vía lexislativa, o pluralismo educativo e unhas cotas máis reais de equidade neste ámbito. Supuxo o recoñecemento oficial dunha realidade evidente: a existencia dunha dobre rede pública e privada de centros escolares. Tres foron as características coas que se definiu: 1) a financiación con fondos públicos da práctica totalidade dos centros escolares de ensino obrigatorio e, ao mesmo tempo, o control democrático desa financiación; 2) a promoción dun ensino en liberdade que garantise a non discriminación por razóns ideolóxicas, económicas ou sociais; 3) o fomento dunha escola participativa en que pais, profesores e alumnos interviñesen por igual na tarefa colectiva da educación.