Leibniz, Gottfried Wilhelm
Filósofo e matemático alemán. De cultura enciclopédica, realizou contribucións no ámbito da física, a historia, o dereito e a relixión. Bibliotecario e historiógrafo dos duques de Hannover, viaxou por Alemaña e Italia. Partiu do racionalismo de Descartes e admitiu o innatismo das ideas, que contrapuxo aos coñecementos empíricos, e o argumento a priori da existencia de Deus, que retocou lixeramente. Afastouse de Descartes na concepción da res extensa, ao atacar o materialismo mecanicista cunha análise que o levou á mónada como elemento último das cousas, indivisible e, polo tanto, inexistente e inmaterial. Tanto as substancias materiais, como anímicas son, pois, mónadas, concibidas como “forzas de representación e de apetencia”, esencialmente dinámicas e teolóxicas. O mundo é o conxunto xerarquizado destas mónadas, simples e independentes, pero creadas por Deus cunha sincronización perfecta: a correspondencia, no home, entre ánima e corpo non é máis que un caso desta harmonía preestablecida. En canto ao saber humano, o ideal leibniziano é coñecer o necesario e reducir ao empírico, aparentemente continxente. Leibniz contribuíu ao progreso das matemáticas prácticas cun descubrimento decisivo, o do cálculo infinitesimal, que xa fixera pouco antes Newton. Débeselle tamén o sistema binario de numeración, e foi uns dos fundadores da topoloxía. Polifacético, traballou en xeoloxía, no estudo de fósiles, realizou experimentos sobre química e foi un notable inventor (deseñou prensas hidráulicas, muíños de vento, un submarino, etc). Deu a coñecer o seu descubrimento en dúas memorias: Nova methodus pro maximis et minimis e De geometria recondita et analysi indivisibilium atque infinitorum, publicadas nos anos 1684 e 1686 na súa revista de Leipzig Acta Editorum. Escribiu tamén Nouveaux essais sur l’entendement humain (1705) e Principia philosophiae more geometrico demonstrata (Monadologia) (1714), aínda que en vida só publicou Éssais Théodicée sur la bonté de Dieu, la liberté de l’homme et l’origine du mal (1710).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Leipzig -
Deceso
Lugar : Hannover