Leiras Pulpeiro, Manuel
Escritor. Iniciou os seus estudios de medicina na Universidade de Santiago de Compostela en 1870. Posteriormente, trasladouse á Universidade Central de Madrid, onde obtivo a licenciatura (1877). A partir do ano seguinte decidiu dedicarse por enteiro á medicina na súa vila natal, a mesma profesión que exercera o seu pai. En 1884 publicou os seus dous primeiros poemas no semanario O Tío Marcos da Portela. Membro activo do Partido Republicano Federal, en 1887 participou na Xuntanza Federalista de Lugo. A partir dese momento, e ata 1893, formou parte do consello executivo da Región Gallega. Desde ese ano dedicouse exclusivamente á medicina e publicou algunhas composicións en Galicia Humorística (1888). En 1903 fundou en Mondoñedo a xunta municipal de Acción Republicana e en 1905 o Grupo Esperantista local. Neste último ano entrou a formar parte como membro numerario da Real Academia Galega, á que doou ao cabo duns anos un conxunto de cantigas, refráns e léxico da comarca mindoniense, que foron publicados pola institución en 1913. Previamente, en 1910, tirou do prelo Apuntes para la geografía médica del distrito de Mondoñedo, obra escrita en colaboración co doutor Pastor Taladrid Pereira, ademais de 24 cantigas que viron a luz no Almanaque Gallego de Bos Aires. Aproveitou a súa calidade de bo versificador para concorrer aos Xogos Florais de Vigo, nos que foi galardoado coa composición “O galo”. En 1911 editouse Cantares Gallegos, o único libro de poemas completo do autor publicado en vida, xa que gran parte da súa produción apareceu en diferentes periódicos, volumes e estudios. Malia demostrar a súa calidade como autor culto, o conxunto da súa obra presenta características propias da poesía popular, protagonizadas e vividas polo pobo, feito moi destacado para a literatura galega. Entre as características máis salientables da súa produción poética pódense destacar a variedade de temas -especialmente os de tipo amoroso e social-, a riqueza lingüística, as estruturas sinxelas e o emprego de recursos estilísticos como a metáfora, o símil, a alegoría e a diloxía. No eido temático, ademais daqueles que tratan temas persoais, cómpre destacar os que denuncian a situación dos campesiños de finais de século, os enfrontamentos contra as institucións civís e eclesiásticas e un intento por parte do autor de levantar o pobo contra a tiranía e a opresión á que se ve sometido; isto último obedece á súa condición de home político, intimamente relacionado co federalismo e co socialismo utópico que defendía. En 1930, e da man de Antón Villar Ponte, editáronse as súas Obras Completas, en que se recollen os seus poemarios máis extensos e cinco cantares.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Mondoñedo -
Deceso