leirón
(< lat lyron < grλύρος)
-
s
m
[ANIMAL]
Mamífero de pequeno a mediano tamaño, da familia dos glíridos, que presenta aspecto robusto, cola peluda e hábitos arborícolas. En Galicia existen dúas especies (leirón careto e leirón rilón), e en Europa podemos atopar ademais o leirón balcánico (Dryomys nitedula), que ten costumes similares aos do leirón careto e distribución balcánica e europea oriental; e o leirón nórdico (Muscardinus avellanarius), de costumes nocturnos e hibernante, que se atopa na zona europea central e oriental.
-
leirón careto
[ANIMAL]
Leirón que presenta unha franxa negra, que amodo de anteface lle enmarca os ollos e lle cobre parte da cara. Ten un tamaño de 118-136 mm de corpo e 98,5-113 de rabo e un peso de entre 45 e 120 g, que varía estacionalmente debido ao carácter hibernante da especie. Presentan o lombo pardo arrubiado e o ventre branco. A cola é longa e cuberta de pelos, cun pincel de pelo branco e negro no extremo. Ten fociño alongado e orellas grandes. É de hábitos trepadores e vive en pequenas colonias ou en grupos familiares que inician a súa actividade ao amencer e finalízana ao solpor. En Galicia reprodúcese entre maio e xullo. A alimentación é moi variada (insectos ou outros artrópodos, pequenos vertebrados, ratos, furaños, anfibios, e en menor medida froitos ou sementes). Son frecuentes en zonas pedregosas, de vexetación arbustiva, de pinares, fragas ou áreas de labradío. Atópase en case toda Europa, en toda a Península Ibérica e en Galicia é unha especie común en todo o territorio, pero existe moita variación morfolóxica en canto a tamaño e cor, e os galegos son os máis pequenos e escuros. Existen catro subespecies en España E. q. lusitanicus, E. q. gymnesicus, E. q. ophiusae e E. q. quercinus, que é a que está presente en Galicia.
-
leirón rilón
[ANIMAL]
Leirón de aspecto robusto, con orellas ben visibles e rabo longo cuberto por unha voluminosa capa de pelo. Mide entre 130 e 190 mm de corpo e 110 e 150 mm de cola, e pesa entre 70 e 185 g. É de cor gris prateada tanto no lombo coma no rabo e máis claro no ventre. Ten hábitos gregarios e nocturnos, aínda que ten certa actividade crepuscular e, máis raramente, diúrna. Desenvolve a súa actividade nas árbores, e presenta un período de letargo invernal, e está activo entre abril e outubro en Galicia. Aliméntase principalmente de froitos (de faias e carballos, abelás, noces, landras, castañas, moras, fresas ou mazás), e artrópodos, fungos ou follas. Vive en masas de caducifolios e ocupa tamén zonas de rochas e incluso zonas rurais con hortas e soutos, onde pode ser abondoso. En Galicia ten unha distribución irregular, moi escasa e asociada á masa de caducifolio de montaña (serras orientais de Lugo e nas centrais e do S de Ourense). As poboacións ibéricas, incluídas as galegas, pertencen á subespecie G. g. pyrenaicus, que se caracteriza por ser de maior tamaño que a subespecie europea G. g. glis.