Lenin, Vladimir Il’jič

Lenin, Vladimir Il’jič

Revolucionario, teórico marxista e dirixente político ruso. De nome Vladimir Il’ič Ul’janov, estudiou dereito pero foi expulsado da Universidade de Kazan’ en 1891 pola súa relación con populistas e socialdemócratas. Marchou a Peterburgo (1893), onde organizou grupos obreiros e iniciou o traballo teórico. Discípulo de Plekhanov, ideólogo bolxevique, foi expulsado da Universidade de Peterburgo e desterrado a Siberia polas súas ideas políticas (1897-1900). Exiliouse en Suíza e fundou con Plekhanov o diario Iskra (A Chispa), órgano central do Partido Socialdemócrata Obreiro Ruso, e dirixiu a fracción bolxevique do partido, que propugnaba unha organización revolucionaria centralizada pola ditadura democrática dos obreiros e campesiños. A partir de 1902, coa publicación do seu escrito Cto delat? (Que hai que facer?, 1902), definiu unha postura diferenciada dos menxeviques. A apertura política posterior á Revolución de 1905 facilitou o seu regreso e dedicouse á estruturación do movemento obreiro. Un endurecemento no réxime tsarista obrigouno a fuxir en 1908 e refuxiouse en Suíza, París e Londres. Despois da constitución dos bolxeviques como partido (1912), instalouse en Cracovia e escribiu Materializm e empiriokriticizm (Materialismo e empireocriticismo, 1916). Regresou clandestinamente a Rusia despois da revolución de marzo de 1917 coa axuda dos alemáns e proclamou as Teses de Abril, que defendían o final da guerra e da etapa burguesa da revolución, a confiscación das terras, os bancos e os consorcios capitalistas, e o poder para os soviets. Despois do fracaso do levantamento dos traballadores en xullo de 1917, fuxiu a Finlandia, onde plasmou a súa concepción do goberno socialista no ensaio Gosudartsvo e revol’ucia (O estado e a revolución, 1917), no que defendeu a ditadura do proletariado como elemento de superación do estado baseado na dominación dunhas clases sobre outras. Organizou e dirixiu a Revolución de Outubro e, despois do seu triunfo, foi nomeado presidente do Consello dos Comisarios do Pobo. Dirixiu democraticamente o partido e definiu os trazos fundamentais do futuro estado soviético, a Nova Política Económica, os sindicatos e a constitución da Terceira Internacional. Incapacitado para exercer o poder despois de sufrir unha hemiplexía en maio de 1922, foi relegado dos labores de goberno e do partido por Stalin.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Simbirsk

  • Deceso

    Lugar : Gorki