León

León

Municipio da provincia de León, Castela e León, atravesado polos ríos Bernesga e Torio, pertencentes á conca do Esla (130.916 h [2001]). Situado no centro do páramo leonés, o relevo é pouco accidentado e o clima é de tipo continental. É un núcleo industrial (construción, industria alimentaria, téxtil e metalúrxica) e as súas funcións principais son as comerciais e de servicios. A cidade tivo unha orixe basicamente militar, a antiga Legio VII Gemina dos romanos que, pola súa situación, tivo un papel moi importante durante a Reconquista, período en que ostentou a capitalidade do Reino de León. Cara a 586, foi incorporada por Leovixildo ao seu reino. Presa polos árabes en 711, Afonso I o Católico conquistouna en 742, pero no ano 846 foi retomada e arrasada. Repoboada por Ordoño I con asturianos e mozárabes andaluces en 856, cara a 987 volveu ser arrasada por Almanzor. Ordoño II estableceu en 914 a capital dos seus estados en León e en 1120 o Foro de León, outorgado por Afonso I o Católico, favoreceu a repoboación da cidade, que, en 1230, perdeu a capitalidade do Reino de León ao unirse este con Castela. Prosperou durante os ss XIII e XIV, e padeceu a decadencia coas guerras civís do s XV. No s XIX recuperouse demográfica e economicamente. Do seu patrimonio destacan as murallas da cidade, declaradas Ben de Interese Cultural (BIC, 1931) e a catedral gótica (ss XIII-XIV) de Santa María (BIC, 1844), cun estilo fortemente influído polo das catedrais góticas francesas. Presenta planta de tres naves que se corresponden coas tres portadas da fachada; destaca o amplo cruceiro, tamén de tres naves, con dous tramos ante o deambulatorio, ao que se abren cinco capelas poligonais. O alzado é tripartito, con triforio e amplísimos ventanais decorados con vidreiras. A estrutura conta cun orixinal sistema de soportes exteriores composto por contrafortes e dobres arbotantes. Destaca especialmente a decoración da fachada; no mainel da portada central colocouse a Virgen Blanca, obra do mestre Enrique. De grande importancia tamén e a igrexa románica de San Isidoro de León (ss XI-XII), (BIC,1910), que comunica co Panteón Real e co conxunto de San Marcos (BIC, 1845), construído orixinariamente en tempos dos Reis Católicos como hospital destinado a acoller os peregrinos do Camiño de Santiago, e onde destaca a fachada plateresca.