Leyre, San Salvador de

Leyre, San Salvador de

Mosteiro beneditino situado en Yesa (Nafarroa). Forma parte do Camiño de Santiago e foi fundado polos monxes cluniacenses sobre os restos dun cenobio visigótico do s VI. Durante a dominación árabe (ss IX-X) foi refuxio dos reis e bispos de Pamplona ata que Almanzor o destruíu. Reconstruído por Sancho III o Maior entre 1022 e 1098, en 1307 foi doado á orde do Císter. Permaneceu deshabitado desde a exclaustración de 1835 ata 1954, data en que se estableceron os beneditinos procedentes de Santo Domingo de Silos. A cabeceira do coro e a cripta, que foi panteón dos reis de Navarra no s XI, construíronse en estilo románico, e introduciron as regras cluniacenses que foron seguidas para a construción de hospicios ao longo do Camiño de Santiago. A entrada á nave faise traspasando a Porta Speciosa, do s XII, que lembra a factoría dos mestres da catedral compostelá na Porta de Praterías. Consérvase unha imaxe románica da Virxe, coñecida como Santa María de Leyre. Neste mosteiro sitúase a lenda de San Virila, abade cara a 928, que quedou escoitando o canto dun paxaro e cando espertou pasaran 300 anos. Foi declarado Ben de Interese Cultural (BIC) en 1867.