Liber Sancti Jacobi
Compilación literaria en honor do Apóstolo Santiago, de mediados do XII e conservada no arquivo da catedral de Santiago de Compostela. Planeada quizais polo arcebispo compostelán Diego Xelmírez, coñécese habitualmente co nome de Codex Calixtinus ou Códice Calixtino, pola suposta autoría do Papa Calisto II. Composta por pezas de numerosos autores, case todas do s XII, das que se fai unha profunda revisión co gallo de lle dar unha aparencia unitaria, divídese en cinco libros: I) colección de sermóns destinada ás grandes solemnidades relacionadas co Apóstolo en Santiago de Compostela, seguida de composicións de gran riqueza literaria e provistas de notación musical; II) libro de milagres, con 22 textos que se refiren a acontecementos ocorridos entre 1050 e 1110 (agás un de 1139); III) textos que aluden ao traslado de Santiago e ás súas festas; IV) historia da expedición de Carlomagno á Hispania e morte dos heroes francos; esta parte, que é a de maior valor literario, atribúese a Turpin, arcebispo de Reims, por iso tamén se coñece como “Pseudo-Turpin”; V) contén un itinerario ata Compostela, tanto físico como devocional (por iso se denomina “Guía do peregrino”), e unha descrición minuciosa de Santiago de Compostela e da súa basílica. A seguir aparece un apéndice onde predominan pezas litúrxicas, musicadas e milagres versificados, talvez coa pretensión de incorporalos con posterioridade ao libro I. Moitas das pezas que integran esta obra foron escritas en Compostela, e intentouse dar a impresión de que as escribira un autor francés, interesado na exaltación do Apóstolo e da peregrinaxe a Compostela, como o crego de Poitou, Aymerico Picaud. A obra experimentou ao longo do tempo diversas modificacións e ampliacións. Primeiramente, estaría composta só polos tres primeiros libros (o III incompleto). A edición de Pseudo-Turpin marca a tentativa de ligar o feito do Apóstolo e o seu culto ao emperador Carlomagno. Esta peza anterior á propia compilación comportou quizais a elaboración do libro V, unha vez que no Pseudo-Turpin se representa a Carlomagno como responsable pola igrexa de Santiago de Compostela e pola liberación do camiño dos peregrinos. As diversas pezas, sobre todo as litúrxicas, son atribuídas aos máis importantes escritores de Francia e Italia dos ss XI-XII, despois de morrer; as estritamente compostelás son frecuentes entre os sermóns do libro I, os milagres do libro II e as narrativas do III. O conxunto parece que se rematou arredor de 1150, xa falecido Xelmírez (1140). Malia a pretendida nivelación final que se lle pretendeu dar á obra, as distintas partes que o constitúen presentan diferencias de estilo e técnica literaria. Desde o punto de vista literario destaca o Pseudo-Turpin por ser o primeiro testemuño da aceptación clerical das lendas populares carolinxias. Circulou como peza independente por toda Europa e deu orixe a unha serie de versións, de xeito que chegou a constituír o núcleo de moitas e variadas obras, como as Grandes Crónicas de Francia ou a Karlumannus-Saga islandesa. Alén da expedición de Carlomagno a Pamplona e Santiago e das súas batallas contra os árabes, describe a ruta de Roncesvalles, a morte de Rolando e dos pares, a súa sepultura e exaltación, e varios suplementos narran a posterior morte do emperador e a do propio Turpin. Aínda que se presenta como unha obra de propaganda propiciadora do culto a Santiago, apenas tivo eco como tal, agás unha copia feita en 1163 por un monxe de Ripoll, Arnaldo de Monte (conservada nun manuscrito de Barcelona). Atópanse varias das súas partes noutros manuscritos espallados por toda Europa (sobre todo os Milagres e o Pseudo-Turpin) debido ao interese que espertaron esas partes, aínda que moitos trazos parezan inducir a que derivan, na súa forma actual, da versión transmitida no Liber. Mesmo algúns códices parecen presentar estadios anteriores á constitución definitiva nesta obra, entre os que ten unha grande importancia o manuscrito Alcobaça 334 da Biblioteca Nacional de Lisboa. O apartado musical atópase na parte litúrxica (libro I) e pode dividirse en dúas seccións: cantos monódicos (unha liña melódica) non estritamente gregorianos, e cantos polifónicos (dúas ou máis liñas melódicas), onde aparece unha obra a tres voces que constitúe o testemuño escrito máis antigo da polifonía europea. O primeiro informe acerca deste códice data de 1572, ano en que Ambrosio de Morales peregrinou a Compostela. O informe ficou en Madrid ata 1725, data en que o publica Pai Flórez. A finais do s XIX, e de xeito case simultáneo, dous cóengos da catedral compostelá destacan a súa importancia: José Cepedano (Historia y descripción de la Basílica compostelana) e Antonio López Ferreiro (Historia de la Santa, Apostólica, Metropolitana Iglesia de Santiago). En 1880 Pai Fidel Pita e Aureliano Fernández Cuesta reiteran o informe da súa existencia no libro Recuerdos de un viaje a Santiago de Galicia. En 1882 Flores Laguna publica no Boletín Oficial del Arzobispado de Santiago “El Códice Calixtino y su música”, centrado esencialmente no himno de Ultreia. Dentro da música monódica destaca o himno Dum Paterfamilias ou Canto de Ultreia. Segundo a tese de López Calo, é o canto máis antigo de peregrinación a Santiago, engadido ao Liber a comezos do s XVIII. Presenta unha estrutura de seis estrofas, que, malia pequenas diferencias na escrita musical de cada estrofa, adoitan cantarse coa mesma melodía, seguida dun retrouso. A súa liña melódica, de marcado carácter popular, débese cantar co ictus propio do gregoriano, isto é, con ritmo non mensural e baseado na prosodia do latín, aínda que a práctica deste tipo de música no s XIII demorou o estilo do canto chao, debido á interpretación máis lenta imposta pola complexidade das primeiras polifonías e á influencia da obrigada escrita mensural. Nos cursos internacionais de Música en Compostela, os alumnos cántano como himno de apertura desde a súa primeira edición en 1958. A primeira transcrición da música polifónica é de J. Pothier, monxe da Abadía de Solesmes (1897). O padre López Calo demostrou que a polifonía é o paso intermedio entre a escola de San Marcial de Limoges, onde comezan os primeiros ensaios polifónicos, e a escola de Notre-Dame de París, onde se consolida a polifonía litúrxica medieval da man de Léonin e Perotin, a finais do s XII e comezos do s XIII. Aínda que nun principio se puido postular o carácter puramente vogal destas pezas, suponse que a partir do s XIII e, seguindo a práctica da escola de Notre-Dame de París, así como a influencia da lírica profana, era usual substituír algunha das voces por instrumentos. As formas musicais son variadas e corresponden ás usadas naquel tempo: himnos, condutus, responsorios, partes de misa e outras. En canto á notación musical, a altura dos sons é absolutamente precisa, está escrita en pautas, presenta barras de compás e non se poden deducir da escrita as duracións nin o ritmo preciso das pezas, o que ten dado lugar a controversias á hora das transcricións á notación actual. Destaca, neste apartado da polifonía, o himno Congaudeat Catholici, do Magister Albertus, a peza polifónica máis antiga da que se ten noticia na cultura occidental. Está escrita para tres voces totalmente independentes. O feito de estar escrita esta obra en Compostela para uso no culto catedralicio, sitúa sen dúbida o ambiente compostelán nas vangardas musicais do momento, tanto desde o punto de vista da notación musical, como do movemento de voces, o que pon de manifesto o refinado nivel artístico da cidade e o avanzado da súa práctica musical. En todos os cantos do Liber figura explicitamente o autor, detalle que suxire a conciencia de compoñer, que non se manifestou de maneira sistemática na música europea ata ben entrado o Renacemento. Os autores pertencen, con toda probabilidade, ás comunidades cluniacenses que Xelmírez instalou en Santiago para crear un scriptorium e establecer unha escola de músicos, escritores e ilustradores para así elevar a relixiosidade, as artes e a cultura na Galicia da época.