Liexa

Liexa

Capital de Valonia e da provincia homónima, Bélxica, situada na confluencia dos ríos Mosa e Ourthe (184.550 h [2001]). É un importante núcleo industrial e posúe fundicións de ferro e aceiro, industria do vidro, minería de carbón, refinerías de cobre e zinc e fábricas de cemento. Chamada Leodum ou Leodicum en época romana, en tempos de Carlomagno destacou polas súas escolas. No s XIV os borgoñóns apoderáronse da cidade pero a súa tiranía provocou revoltas (1408, 1466 e 1468). Maximiliano de Borgoña doou a independencia á cidade en 1477, que tivo un grande esplendor cultural no s XVI e en 1684 Maximiliano II Manuel de Baviera suprimiu todas as institucións democráticas. Durante a Revolución Francesa foi incorporada a Francia; despois do Congreso de Viena pasou aos Países Baixos e, como consecuencia dos feitos revolucionarios de 1830, a Bélxica. Do seu patrimonio cultural destacan a abadía de Saint-Jacques, a catedral gótica de Saint-Paul e o Palais des Princes-Évêques.