Lima

Lima

Capital de Perú e do departamento de Lima (6.468.693 h [1998]). A cidade, situada na ribeira esquerda do río Rímac e a 13 km do porto de Callao, forma unha extensa aglomeración. A poboación experimentou un forte crecemento ao longo de todo o s XX. É un centro administrativo, comercial e cultural de grande importancia. Ten industrias téxtiles, químicas, da construción e alimentarias. O porto de Callao é o máis importante do país. Fundada por Francisco Pizarro (1535), as minas de prata convertérona no centro urbano máis importante do alto Perú e pasou a ser a capital do vicerreinado de Perú. Foi un dos máis firmes baluartes dos realistas ata que, en 1821, a ocupou o xeneral San Martín. Capital da República, foi ocupada polos chilenos (1881-1883) e continuou acollendo á oligarquía conservadora peruana. Do seu patrimonio cultural destacan a catedral (1598-1625) e numerosas igrexas dos ss XVI e XVIII, dun estilo que combina o Renacemento coa arte mudéxar. O centro histórico da cidade foi declarado Patrimonio da Humanidade   pola UNESCO (1988).