Limia
Río da vertente atlántica. Nace na parroquia e concello de Sarreaus, da confluencia de varios regos que baixan dos contrafortes sudoccidentais da serra de San Mamede. O seu curso adopta unha dirección L-O coa que atravesa o concello de Xinzo de Limia e chega ao de Rairiz de Veiga, onde conflúe co Cal da Lagoa de Antela, colector que drena ese espacio. Desde alí vira cara ao SO, marcando o límite dos concellos de Rairiz de Veiga con Porqueira, de Bande con Porqueira e Muíños, de Lobeira con Muíños e de Entrimo con Lobios. Despois penetra en territorio portugués, onde mantén a mesma dirección e atravesa, entre outras, as vilas de Ponte da Barca e Ponte de Lima. Desemboca en Viana do Castelo despois de percorrer un curso de 108 km de lonxitude, 43 deles en territorio galego. Os derradeiros 40 km son navegables. O seu leito está interrompido por dous grandes encoros, o das Conchas (entre Muíños, Bande e Lobeira) e o internacional de Lindoso (entre Lobios e Entrimo), inaugurados en 1948 e 1992, respectivamente. Os seus principais afluentes son pola esquerda o Faramontaos e o Salas, e pola dereita o Cadós.