1 lirio

1 lirio

(

  1. [PLANTA]
    1. s m

      Planta herbácea do xénero Iris, da familia das iridáceas, que presenta un rizoma moi desenvolvido, follas alongadas, xeralmente ensiformes, flores co perianto con seis divisións (as tres internas dereitas) e froito en cápsula.

    2. lirio azul [Iris latifolia, Fam das iridáceas]

      Planta herbácea perenne, que presenta bulbo ovoide, talo oco e folioso, follas lineares e flores pedunculadas de cor azul--violácea. Florece entre maio e agosto en zonas altas de Galicia como O Courel ou a Serra dos Ancares.

    3. lirio cardeno [Iris germanica, Fam das iridáceas]

      Planta herbácea perenne, que presenta bulbo engrosado e talo erecto de 80 a 90 cm de altura que pode chegar a medir un metro. As follas son opostas, grosas e nacen da parte inferior; as flores son de cor azul-violácea, aromáticas e pedunculadas, e o froito en cápsula é oval e dehiscente. Florece entre abril e xuño. Utilízase como planta ornamental, en medicina polas súas propiedades como purgante, diurético ou expectorante, e en perfumería e licorería.

    4. lirio dos charcos [Iris pseudacorus, Fam das iridáceas]

      Planta herbácea perenne, que presenta rizoma reptante e longo, flores pediceladas e froito en cápsula. Florece entre maio e xuño en lugares que están preto da auga e por debaixo dos 700 m de altitude. É velenosa para o gando, pero en medicina o rizoma pode utilizarse como purgante.

    5. lirio fétido [Iris foetidissima, Fam das iridáceas]

      Planta herbácea perenne, que presenta talo comprimido, follas basais fedorentas, flores pedunculadas de cor azul-agrisada ou amarela e o froito en cápsula, oblonga e con sementes vermellas. Florece entre maio e xuño en lugares secos e é velenosa para o gando.

  2. [PLANTA]
    1. s m

      Nome que reciben outras liliflores semellantes ao lirio.

    2. lirio branco/de santo Antón [Lilium candidum, Fam das liliáceas]

      Planta herbácea, bulbosa, perenne, de 100 cm ou máis de altura, que presenta follas lanceoladas e flores de cor branca, grosas e olorosas. É orixinaria de Asia Menor. OBS: Tamén se denomina azucena.

    3. lirio de auga [Zantedischia aethiopica, Fam das aráceas]

      Planta herbácea perenne, de 80 a 100 cm de altura, follas saxitadas e pecioladas, e flores en espádice amarelo, rodeado dunha espata branca. Procede da rexión do Cabo.

    4. lirio de maio [Convallaria majalis, Fam das liliáceas]

      Planta herbácea, de 10 a 20 cm de altura, que presenta rizoma reptante, con dúas follas radicais, oblongas, agudas e dun verde brillante, e flores de cor branca, colgantes, fragantes e dispostas en acios. Dáse en bosques dos Pireneos e nunha gran parte de Europa.

    5. lirio de mar

      cebola das gaivotas.

    6. lirio de neve [Galanthus nivalis, Fam das amarilidáceas]

      Planta herbácea bulbosa, de 15 a 25 cm, cun par de follas lineais e cunha soa flor branca, colgante, acompañada dunha bráctea espatácea. Dáse en bosques húmidos e en prados.

    7. lirio de san Bruno [Anthericum liliago, Fam das liliáceas]

      Planta herbácea perenne, de 30 a 60 cm de altura, que presenta raíz fibrosa, follas basais e flores estreladas de cor branca. Dáse en outeiros e pasteiros.

    8. lirio de san Xoán [Hemerocallis fulva, Fam das liliáceas]

      Planta herbácea perenne, de 50 a 100 cm de altura, que presenta raíz fibrosa, follas lineais e flores de cor laranxa, grosas dispostas en acio laxo.

    9. lirio de trigo [Gladiolus italicus, Fam das iridáceas]

      Planta herbácea bulbosa, de 40 a 80 cm de altura, que presenta follas alongadas, flores de cor vermella purpúrea e espiga unilateral.

    10. lirio do deserto

      [

    11. lirio martagón/bravo [Lilium martagon, Fam das liliáceas]

      Planta herbácea perenne, que presenta bulbo escamoso, talo folioso, follas con peciolo curto, glabras e oblongo-lanceoladas e flores pedunculadas e bracteadas. Florece entre xuño e xullo en zonas montañosas.

      Sinónimos: martagón.
    12. lirio tigrado [Tigridia pavonia, Fam das iridáceas]

      Planta herbácea bulbosa, de 30 a 60 cm de altura, que presenta follas alongadas e pregadas e flores efémeras, campanuladas ou ciatiformes, vermellas ou amarelas e diversamente manchadas de laranxa ou púrpura.

  3. lirio de mar [ANIMAL]

    Equinodermo crinoideo, de corpo caliciforme, denominado disco, e cinco brazos multiarticulados. Posúen un pedúnculo que os fixa ao substrato. Habitan no Océano Pacífico.

Formas incorrectas

bacaladilla

Palabras veciñas

liria | lírica | lírico -ca | 1 lirio | 2 lirio | 3 lirio | Liriodendron