Lisboa
Capital de Portugal e do distrito homónimo (564.657 h [2001]). Está situada á beira do Tejo, a poucos quilómetros do esteiro, denominado Mar da Palha. Desde 1900 experimentou un gran crecemento demográfico, que provocou a expansión territorial por ambas as dúas beiras do esteiro do Tejo, chegando a ter 2.561.225 h en 1991. Polo feito de ser Lisboa un eixe nas grandes rutas transoceánicas converteuse nun gran porto activo. Ás funcións administrativas e políticas únese unha grande actividade comercial e industrial, onde destaca a construción naval, a siderúrxica, a maquinaria, a industria papeleira, a téxtil, a de fabricación de pneumáticos e a química. De orixe incerta, a tradición sitúa a Ulises como fundador da cidade, co nome Olisipo ou Ulissipo. Foi ocupada polos fenicios (1200 a C), e posteriormente por Roma, pasando a chamarse Felicitas Julia (s II). Pertenceu aos reinos suevo e visigodo e en 714 foi sometida polos musulmáns. Afonso I de Portugal recuperouna e incorporouna ao Reino de Portugal (1147). Acadou a capitalidade en tempos de Afonso III de Portugal (1248). Durante os ss XV-XVI, grazas ao comercio ultramarino, chegou a ser un activo centro económico, e o seu porto redistribuía a toda Europa os produtos das colonias de África, Asia e América. Durante o s XVI (1580), coa unión á monarquía hispánica, aumentou máis o desenvolvemento polo aproveitamento do comercio das colonias españolas. En 1640, independizouse de España, e despois dun período de decadencia, no s XVIII, tivo unha nova época de esplendor, vinculada ao ouro brasileiro. Os franceses ocupárona en 1807 e foi liberada un ano despois por lord Wellington, do exército inglés, e converteuse nun reduto do constitucionalismo. En 1910 proclamouse a república, despois de depoñer a Manuel II. Sufriu dous incendios que obrigaron á súa reconstrución. O primeiro, despois do terremoto de 1755, destruíu a cidade case por completo, que foi reconstruída por Sebastião José de Carvalho, marqués de Pombal, en estilo neoclásico. A Cidade Baixa foi a parte máis castigada, e a súa reconstrución foi feita sobre un plano regular, con disposición de taboleiro de xadrez. A zona Alta conservou o antigo aspecto medieval, co barrio da Alfama como exemplo. Unha ponte moderna sobre o Tejo uniu a cidade moderna aos núcleos da outra marxe do río (Almada, Barreiro, Cova de Piedade, Seixal). En 1988 outro lume destruíu parte do antigo barrio do Chiado, construído por Pombal. En 1932 experimentou unha renovación urbana baixo o goberno de Salazar. Sé arcebispal e primado de Portugal, tamén ten o título de patriarcado. Dos monumentos da cidade destacan a catedral, románica e reconstruída despois do terremoto, e o mosteiro dos Jerónimos (s XVI), onde están os sepulcros de Vasco da Gama e Camões. A Torre de Belém é outra edificación representativa, de estilo manuelino, estilo de grande ornamentación que se desenvolveu durante o reinado de Manuel I (1495-1521). Tamén desta época é o Paço xunto ao Tejo ou outras construcións civís, como a Alfándega Nova, a Casa da Pólvora ou o Hospital Real de Todos-os--Santos. En 1981, un incendio devastou a Galería Nacional de Arte Moderna e destruíu todas as pinturas. En 1998 celebrouse a Exposición Universal (Expo 98), dedicada aos oceános.