Livonia

Livonia

Rexión histórica que ocupa a parte S de Estonia e o N de Letonia. Sitúase entre o golfo de Rīga, o Mar Báltico e o lago Čudskoje de O a L, e limitada ao S polo río Dvina Occidental. Habitada polos livonios, foron sometidos inicialmente a influencia eslava (s XI) e cara a mediados do s XII os xermanos iniciaron a súa conquista. O proceso de cristianización, iniciado polo bispo Meinhard (1186), atopou unha forte resistencia que fixo que os papas Celestino III e Inocencio III predicaran unha cruzada contra os livonios. O bispo Alberte de Buxhövden obtivo do papado a fundación da Milicia de Cristo, popularmente coñecida como Cabaleiros Portaespadas (1204), para difundir o cristianismo entre os livonios e a cambio cedeulles unha porción do territorio. A unión dos cruzados alemáns cos cabaleiros da orde teutónica levou ao nacemento da orde livonia. O país enriqueceuse grazas ao comercio hanseático que mantiña cos países veciños, mentres o poder político se concentrou nas mans da orde, dos cabaleiros xermánicos e da burguesía de orixe alemana. As disensións introducidas na orde pola Reforma levaron ao desmembramento do estado livonio en 1561, a illa de Ösel e Estonia pasaron a Dinamarca, Curlandia e Zemgale quedaron nas mans do antigo mestre da orde e Livonia pasou ao poder de Polonia. Despois de longas guerras, Suecia apoderouse de importantes rexións situadas ao N do Dvina (1629) e posteriormente pasaron a Rusia (1721), que adquiriu ademais a Livonia polaca (1772) e Curlandia (1795). En 1918 dividiuse entre Estonia e Lituania.