Loba, serra da

Loba, serra da

Aliñación montañosa que forma parte da Dorsal Occidental Galega, que se estende en dirección SO-NNL e que serve de límite á parroquia do Alto de Xestoso (Monfero) coas de Momán (Xermade) e Labrada (Guitiriz), e esta última coa do Val de Xestoso (Monfero). Tamén marca a divisoria de augas entre as concas do Eume, que recolle, por medio do seu afluente o río Frei Bermuz, as augas dos regos que drenan a vertente occidental da serra; e do Miño, pois na súa vertente SL nace o Labrada, afluente do Ladra, e tributario do Miño. A súa liña de cumios, que presenta unha morfoloxía achairada, comeza nos 687 m de altitude do pico da Torre, no extremo SO da serra, e culmina nos 700 m de altitude do Serrón do Lobo, no límite setentrional da aliñación.