Lodeiro Fernández, Xosé Telmo
Pintor. A súa mocidade, marcada pola posguerra, discorreu no barrio obreiro de Teis. En 1958 emigrou a París e despois a Suíza e, tralo seu regreso a Vigo, celebrou a súa primeira exposición (1963) no Casino Mercantil e Industrial de Pontevedra. O seu interese pola arte, que o fascinou polo seu carácter liberador e desalienante, foi determinante desde entón. Autodidacta, partiu dun primeiro período de autodescubrimento, en que tratou as paisaxes, os bodegóns e a vida campesiña, pero sen deixar de indagar na obra doutros artistas nacionais e internacionais. Defendeu a democratización ou socialización da arte, teoría que materializou ao promocionar a celebración, en 1968, da primeira exposición de arte ao aire libre en Vigo; pero foi o seu compromiso social, que ofrecía unha alternativa artística á ditadura, o que o engrandeceu como artista. Asociouse a grupos antifranquistas (Asociación Cultural de Vigo) e ás propostas de popularización da arte da Estampa Popular Galega. Presentou uns cadros cheos de cores estridentes, inauditos e cunha linguaxe absolutamente persoal. A sobriedade das súas figuras e a peculiaridade da súa representación -cuns rostros que semellaban máscaras, de expresión dramática e aterradora- sobre fondos ermos ou planos multicolores, caracterizounas como un tipo de representación propia e exclusiva del. Creou tamén espacios apocalípticos, aos que dotou dunha enorme dimensión crítica e aos que caracterizou como inaccesibles. A súa nova xeometría converteuse moitas veces en abstracción, que conseguiu a partir da depuración de elementos emocionais, persoais e referenciais. A mediados de 1970 mudou a súa actitude de loita contra o mundo e buscou a maneira de se relacionar con el. Deste xeito, cambiou a sensación de sufrimento e temor da súa obra por algo máis intelectual e menos fácil de explicar. Foi unha nova forma de militancia en que o pintor construíu a súa propia realidade valéndose da abstracción xeométrica. En 1974 marchou a Bos Aires, onde foi acollido por Luís Seoane e onde retomou a paisaxe como tema único, de novo con formas abstractas (Terra e galaxia, 1974; Rías Baixas, 1975). Cara aos derradeiros anos da década, retomou o seu compromiso social e durante a Transición evolucionou cara a unha vertente de carácter independentista, que deu lugar á súa pintura máis fría e conceptual, exposta coa dos artistas de Atlántica. En 1982 viaxou a México, onde volveu ao xeometrismo, coa repetición de estruturas simples e bandas de cor progresivamente máis cálidas (Futuro nº 6, 1982). De 1989 e 1990 destacan as súas representacións de cuadrículas de múltiples formas (de inspiración organicista) e cores puras e intensas, cunha disposición reiterada pero sen aparente colocación, que levan ao espectador a sentir o espazo máis que a velo. Aínda que a maior parte das súas obras non recibiron título, en 1995 apareceu As flores, derradeira serie do autor e tema que representou monumentalmente e con extravagancia cromática, converténdoas en elementos naturais estraños, tratados para provocar temor e inquietude. En 1994 recibiu o Premio da Crítica no apartado de Artes Plásticas.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Vigo -
Deceso