Longa noite de pedra

Longa noite de pedra
[LIT]

Poemario de Celso Emilio Ferreiro publicado en 1962 pola editorial Salnés, en Vigo. É, sen dúbida, o libro co que este autor se consolidou publicamente como poeta e o que maior fortuna tivo, xa que se converteu nun auténtico emblema da liña poética social-realista. O éxito acadado por esta obra explícase por ser un libro de poemas de reivindicación social nun tempo en que resultaba necesario e que o propio poeta entendía como manifestación solidaria co pobo e consonte cun proceso de denuncia e un desexo de xustiza que sempre o animou no acto da escrita. Celso Emilio, pois, tende a solidarizarse cun plural colectivo, abeirándose conscientemente á queixa amarga dunha Rosalía ou dun Curros, e mesmo á obra de autores que, desde unhas perspectivas distintas, perseguen cantar desde ou para unha realidade allea e castigada historicamente, concretada nunhas referencias temáticas moi precisas como serían, no seu caso, as que atinxen á Guerra Civil Española, ao relato da represión fascista, á expresión da solidariedade que se sente cara aos sufrimentos do proletariado, á vontade de axitación e loita política ou ao tema de Galicia unido á reivindicación da lingua e á cuestión da emigración, sen esquecer a liña intimista ou amorosa, tamén presente nalgúns poemas.

Palabras veciñas

Longa | Longa Marcha | Longa Marcha ou Txangzena | Longa noite de pedra | Longa, ladeira | longaínza | longal