López Veiga, Enrique César
Político. Doutor en Ciencias Biolóxicas pola Universidade de Santiago de Compostela (1977) e licenciado en 1988 en Ciencias Económicas pola Universidade de África do Sur. No eido da política, foi militante do Partido Popular Galego da Federación de Partidos Demócrata-Cristianos de España (1976), do Partido Galeguista (1978), de Alianza Popular (1983) e membro fundador do Partido Popular Español en Bélxica (1989), do que foi presidente (1998-2001). Conselleiro de Pesca, Marisqueo e Acuicultura da Xunta de Galicia, ten unha ampla traxectoria profesional en materia pesqueira. Entre 1972 e 1978, realizou tarefas de investigación en oceanografía, ecoloxía e bioloxía mariña no Instituto de Investigacións Pesqueiras de Vigo. Ese último ano, ocupou o cargo de secretario técnico da Sociedade Cooperativa de Armadores de Buques de Pesca do Porto de Vigo, entidade da que, en 1982, foi nomeado director-xerente. En 1987 ingresou na Función Pública Europea na Dirección Xeral de Pesca e na Dirección de Mercados e Recursos Externos, e en 1988 foi nomeado xefe de división de Estruturas da Pesca na Dirección Xeral de Pesca. Entre 1990 e 1993, desempeñou o cargo de Conselleiro de Pesca no primeiro goberno de Manuel Fraga, onde traballou na elaboración dunha lexislación pesqueira acorde coa normativa comunitaria. En 1993 incorporouse á Comisión Europea, en calidade de xefe de división na Dirección Xeral da Política da Competencia, ata que en 1997 foi nomeado xefe de gabinete do presidente do Parlamento Europeo. En 1998, a Mesa do Parlamento Europeo nomeouno director xeral de Finanzas e do Control Financeiro. En setembro de 2001 ocupou de novo a Conselleira de Pesca, Marisqueo e Agricultura. Elixido deputado no Parlamento de Galicia polo PP (2001), desempeña novamente o cargo de conselleiro de Pesca desde decembro de 2001. Autor de varias colaboracións de carácter científico en diversas publicacións e libros, escribiu, entre outros títulos, Manual de política pesqueira (2000), A batalla de Cavite (2002) e Desde el centro de Galicia (2004). Recibiu a Medalla de Prata de Galicia (1994).
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Coruña