Lorena
Rexión do NL de Francia (23.547 km2; 2.310.376 h [1999]). Comprende os departamentos de Meurthe-et-Mosella, Meuse, Mosella e Vosgos. A súa capital é Nancy. Constitúe unha rexión fronteiriza entre Francia e Alemaña e unha rexión de paso. Presenta un relevo de altiplanos calcarios que alternan con chairas arxilosas, que forman bandas paralelas e lonxitudinais e dan lugar a un relevo de cuestas. A rede hidrográfia está formada polos ríos Mosa e Mosella. O clima, baixo a influencia do anticiclón continental e as depresións atlánticas, é moi rigoroso. A evolución demográfica estivo ligada ao seu desenvolvemento industrial, e a súa poboación concéntrase principalmente na área industrial. Os rendementos da agricultura son baixos e produce cereais, millo, forraxe e colza. Ten gandería bovina e explotación forestal nos Vosgos, pero a actividade industrial é a súa base económica. Ao carón da tradicional industria téxtil, desenvolveuse un gran complexo industrial, grazas aos xacementos de carbón, ferro e sal. Outras industrias son as mecánicas, de automóbiles e eléctricas. Foi ocupada polos romanos e por diversas tribos xermánicas. Desde finais do s VIII foi dominio de Carlomagno polo Tratado de Verdun, e logo pasou a Lotario I (843) e ao seu fillo e sucesor Lotario II (855). Convertida en ducado por Arnulfo de Carintia no s IX, pasou a Xermania en 925. En 969, Bruno, arcebispo de Colonia, dividiuna en Baixa Lorena, que se integrou no ducado de Brabante; e Alta Lorena, que pasou como ducado a Xerardo de Alsacia (1048) e desenvolveu unha forte burguesía urbana. A Lorena xermánica adheriuse á Reforma, pero o ducado mantívose fiel ao Emperador Carlos V, que recoñeceu a súa liberdade en 1532. En 1648, pola Paz de Westfalia, Francia adquiriu os bispados de Verdun, Metz e Toul e posteriormente ocupou todo o ducado, restituído en 1697 ao duque Leopoldo. O seu fillo e sucesor, Francisco III, cedeullo a Estanislao I Leszczyński, ex-rei de Polonia (1738). En 1766, morto este, o ducado pasou a Francia, que o dividiu en departamentos en 1790. O Congreso de Viena (1814) outorgou a área do Saar a Prusia e despois da Guerra Franco-prusiana, anexionou unha parte do departamento de Meurthe-et-Mosella (1871). Pola Paz de Versailles (1919), recuperounos Francia e malia a súa nova ocupación por Alemaña durante a Segunda Guerra Mundial, volveu a pertencer a Francia tralo final da guerra.