Lorenzo Vázquez, Ramón
Filólogo e escritor. Doutor en Filosofía e Letras na Universidade Complutense de Madrid (1966) e catedrático de Filoloxía Románica na Facultade de Filosofía e Letras da Universidade de Valladolid (1973-1977), de Gramática Histórica de la Lengua Española (1977-1981) e de Lingüística e Literatura Galegas (desde 1981) na Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela, dirixiu o Departamento de Lingua Española (1977-1981) e de Filoloxía Galega (1981-1988) da Facultade de Filoloxía da Universidade de Santiago de Compostela. Dos seus libros destacan Sobre cronologia do vocabulário Galego-Português (Anotações ao ‘Dicionário etimológico’ de José Pedro Machado) (1968), La tradución Gallega de la Crónica General y de la Crónica de Castilla (2 vol, 1975-1977) e Crónica Troiana (1985, Premio Losada Diéguez 1985 e Premio da Crítica 1986) así como a participación nos métodos Gallego 1 (1971), Gallego 2 (1972) e Gallego 3 (1974). Tamén é autor de 130 artigos de investigación sobre lingua moderna, literatura, crítica literaria, edición de textos, lexicografía, gramática histórica ou historia da lingua, como os artigos de Estudios etnográfico-lingüísticos sobre la Mahía y aledaños (1962-1964) e artigos sobre un manuscrito inédito de Añón (1985), sobre a koiné galega (1995) e a prosa medieval (2000). Participou, como organizador ou relator, en numerosos congresos e coloquios. Dirixiu o Coloquio Internacional de Lexicografía (Santiago de Compostela, 1986), o XIXº Congreso Internacional de Lingüística e Filoloxía Románicas (Santiago de Compostela, 1989) e o Segundo coloquio científico internacional sobre Tradición, actualidade e futuro do galego (Trier, 1993). Dirixiu a revista Verba. Anuario Galego de Filoloxía (1990) e coordinou os traballos de investigación PATROM (Patronymica Romanica). Ditionnaire historique des noms de famille romans, Dicionario de dicionarios históricos gallegos (2000-2003). Cofundador do grupo Brais Pinto (1958), tamén destaca o seu labor no ámbito da tradución (adoito en colaboración con Úrsula Heinze). Das traducións hai que mencionar a súa participación na tradución do Misal Romano (1987) e doce libros traducidos do alemán, entre eles O ponche dos desexos (1990, Premio Ramón Cabanillas de tradución), de Michael Ende, e As galiñas do vento (2000), de Günter Grass. Como autor literario cómpre salientar Esa loita (1956, Premio Castelao do Centro Galego de Bos Aires) e o libro de poemas na liña da Escola da Tebra O que se foi perdendo (1959). Colaborador en La Noche, dirixiu a revista Dorna (desde 1995). Foi galardoado nas Festas Minervais de Santiago de Compostela en poesía (1955, 1956, 1957, 1959) e narración (1956). Membro numerario da RAG (1981), do Instituto Padre Sarmiento de Estudios Galegos (1968-1983) e do ILG (1971), pertenceu ao Alto Consello Asesor do Patronato Rosalía de Castro (1976), ao Consello Rector da Fundación Otero Pedrayo (1981), ao Consello da Cultura Galega (1983-1999), á Deutsch-Galicische Gesellschaft (1993; presidente de honra desde 1998) e á Comissão de Acompanhamento do Centro de Linguística da Universidade de Lisboa (1998, 1999, 2000). Formou parte do comité científico de varios congresos internacionais (Oviedo, 1995; La Habana, 2000; Lugo, 2000; Santiago de Compostela, 2002), do Comité Científico do Congreso Internacional de Lingüística Léxico & Gramática (Lugo, 2000) do Comité Científico do Congreso Internacional de Onomástica Galega Frei Martín Sarmiento (Santiago de Compostela, 2002) e foi conseiller da Société de Linguistique Romane (1989-1995). Ademais, foi membro de honra da Associação Portuguesa de Linguística (desde 1989) e da Asociación Hispánica de Literatura Medieval (desde 1985). En 1998 Dieter Kremer editou en dous tomos a Homenaxe a Ramón Lorenzo.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Eirapedriña, Bugallido, Ames