Losada Diéguez, Antón

Losada Diéguez, Antón

Escritor e político. Formouse na Universidad de Deusto e, ao graduarse (1906), regresou a Galicia, onde exerceu como profesor axudante de Armando Cotarelo Valledor na Universidade de Santiago de Compostela. Simultaneou a actividade académica cos estudios de dereito e coas primeiras incursións en política, na Estrada. Entrou en contacto co rexionalismo galego influído polos discursos de Salvador Cabeza de León, pero o seu contorno familiar, de ideoloxía carlista e tradicionalista, marcou profundamente a súa traxectoria dentro da política nacionalista galega. Os tres grandes piares que constituíron o seu pensamento foron o agrarismo, o galeguismo e o catolicismo. En 1911 trasladouse a Madrid e gañou as oposicións a cátedras de Instituto. Foi destinado a Toledo, e en 1914 permutou a praza e trasladouse a Ourense para exercer a cátedra en Psicoloxía, Lóxica, Ética e Rudimentos. Nesa cidade comezou a súa participación máis activa en movementos de carácter agrarista e católico, e tamén na súa vida cultural. Entrou en contacto cos membros da Xeración Nós, sobre os que influíu para a súa vinculación política, integrouse na Irmandade da Fala de Ourense desde 1917 e concibiu a creación da revista Nós, na que colaborou como redactor. Nos anos seguintes participou nas campañas agrarias da Estrada contra o partido de Xosé Riestra, pero perdeu nas eleccións de 1918 e 1919, e cando o nacionalismo se escindiu na IV Asemblea de Monforte (1922), permaneceu do lado da Irmandade Nazonalista   Galega, xunto con Vicente Risco. Tralo golpe de estado de Primo de Rivera, aceptou a vicepresidencia da Deputación de Pontevedra, -igual que fixo Vicente Risco coa de Ourense-, pero, desilusionados por ver fracasados os seus soños de crear un organismo que representase a personalidade de Galicia, dimitiron dos seus postos en 1925. Desde entón a súa actividade limitouse exclusivamente ao terreo cultural. En Pontevedra, promoveu a creación da Coral Polifónica, que presidiu, e foi membro do padroado do Museo Provincial, presidente do Círculo Católico e impulsor do movemento de Acción Católica. Escribiu media ducia de poesías, sete contos, varios artigos sobre arte e escritos políticos como “Orientacións. Os camiños d o agrarismo galego” (1919) e “A sinificación profunda do galeguismo” (1919), que anticiparon moitos dos postulados nacionalistas defendidos por Vicente Risco en obras posteriores. Como dramaturgo escribiu A domeadora, da que se publicaron os dous primeiros actos na revista Nós en 1929. Foi membro do Seminario de Estudos Galegos desde 1924 e membro correspondente da Real Academia Galega. En 1985 dedicóuselle o Día das Letras Galegas.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Moldes, Boborás

  • Deceso

    Lugar : Pontevedra