Luca

Luca

Capital da provincia homónima, en Toscana, Italia (79.783 h [2001]), situada ao NL de Pisa, a poucos quilómetros da costa ligur. É un mercado agrícola e un núcleo industrial, con industrias téxtiles e mecánicas, manufacturas de tabaco e produción de aceite. Estación ligur e colonia latina, ocupárona os longobardos e os francos. Inicialmente xibelina, converteuse en güelfa no período do seu máximo esplendor, a finais do s XII. Desde o s XIV, o estado de debilidade interior e de vacilacións en política exterior mantívose ata o s XVII, cando, coa despoboación da cidade e o aumento da poboación rural, os terratenentes convertéronse na clase dominante. República aristocrática, ao producirse a ocupación francesa, foi un principado. Polo Tratado de Viena foi asignada a María Luísa de Borbón. Da época romana queda o anfiteatro. A catedral, do s VI, foi restaurada en estilo románico no s XI, e en gótico no interior, no s XV. Son románicas as igrexas de San Michele e de San Frediano.