Lucerna
Capital do cantón homónimo, Suíza (57.000 h [2001]). Está situada na beira do lago dos Catro Cantóns, na saída do Reuss e ao pé do Pilatus e do Rigi. É, sobre todo, un centro turístico. Fundada no s VII ao redor do mosteiro beneditino de san Leodegario, no s XIII pasou á casa de Habsburgo. Adquiriu importancia coa apertura do paso de Sankt Gotthard en 1220 e, en 1386, despois da Batalla de Sempachs, conseguiu a independencia xunto con todo o cantón. Bastión do catolicismo na época da Reforma, entre 1798 e 1803, durante o dominio napoleónico foi capital de toda Helvecia. Conserva vestixios medievais, como a Ponte da Capela, do s XIV, destruída nun incendio en 1993 e reconstruída ao ano seguinte, a Torre da Auga e unha colexiata dos ss XIV-XVIII.