Lucus Augusti
Cidade fundada entre o 14 a C e o 13 a C por Paulo Fabio Máximo, legado do Emperador Augusto. Estableceuse, segundo algúns autores, sobre un campamento militar romano instalado posiblemente na época de Augusto, ao redor de 25 a C. Outra hipótese explicativa suxire unha fundación vinculada á decisión imperial, que se fundamentou na existencia dun santuario rural dunha divindade indíxena. Posteriormente este compoñente relixioso foi romanizado e a cidade adquiriu especial relevancia pola súa vinculación ao culto ao emperador. A súa estratéxica posición permitiu que o Imperio Romano consolidase a súa conquista do NO peninsular. O proxecto inicial da cidade, que establecía a súa superficie total en 64 Ha, non se desenvolveu totalmente entre os ss I e III, e só se edificou unha superficie de 46 Ha. Entre as causas deste crecemento limitado destacan o seu carácter de centro agropecuario, comercial e administrativo, feito que limitaba as necesidades habitacionais a un pequeno grupo integrado polas clases dirixentes, os funcionarios e os oficios artesanais. Como capital do Convento Xurídico Lucense tivo un papel destacado na organización administrativa do NO hispánico. A partir do s III a cidade experimentou unha importante transformación coa construción da súa muralla, entre o 265 e o 310, que estendeu o recinto urbano polo N e o O e delimitou, na trama urbana orixinal, dúas áreas diferenciadas, unha intramuros, cunha extensión próxima as 35 Ha, e a cidade exterior, que superaba as 20 Ha.