Lugo, casa do concello de

Lugo, casa do concello de

Construción situada na praza de España da cidade lucense. A primeira edificación data do s XVI e foi obra de Pedro Artigas. En 1708 comezou a construción do edificio actual, baixo a dirección de frei Gabriel de Las Casas, que remataron Lucas Ferro Caaveiro e Pedro da Silva en 1738. Reedificouse a fachada e conservouse a estrutura interna. A fachada organízase en dous corpos, o inferior que está formado por un conxunto de oito arcos de medio punto que conforman un soportal; e o corpo superior, situado sobre o anterior, está formado por ventás rectangulares e unha balconada. O conxunto remata cun corpo central que acolle o escudo real coroado por un frontón semicircular. A parte superior remata con pináculos situados entre volutas. Nas esquinas situáronse dúas torres xemelgas e no centro do edificio atópase a torre do reloxo de estilo neoclásico. Foi declarada Ben de Interese Cultural en 1972.

Palabras veciñas

Lugo | Lugo Agrario | Lugo, Antonio | Lugo, casa do concello de | Lugo, catedral de | Lugo, comarca de | Lugo, Concilio de