Lutero, Martiño

Lutero, Martiño

Reformador alemán. Formado en Magdeburg en contacto cos Irmáns da Vida Común e en Eisenach (1498), pasou despois á Universidade de Erfurt, onde recibiu unha formación de tendencia nominalista-ockhamista e foi investido magister artium (1505). No mesmo ano, a pesar da oposición paterna, ingresou no convento dos agostiños observantes. Ordenado presbítero en 1507, comezou o seu maxisterio como lector en artes no mosteiro adherido á universidade. Chamado polos agostiños de Wittenberg en 1508, dirixiu a cátedra de ética aristotélica e simultaneamente proseguiu os estudios de teoloxía na universidade, onde obtivo o bacharelato en Biblia (1509), que o capacitou para a docencia no convento e estudo xeral agostiño de Erfurt. Posteriormente foi a Wittenberg para concluír os estudios de teoloxía e obtivo o doutoramento en 1512. Dedicouse principalmente á docencia e sucedeu a Satupitz na cátedra de Escritura, que dirixiu ata a súa morte, excepto o bienio 1521-1523. Seguindo o fío das súas ensinanzas desde 1515, obsérvase que o problema da predestinación e salvación o impulsou a atopar unha doutrina coherente e clara que o liberase da súa angustia. A pugna contra a escolástica aristotélica, que quixo substituír polo agostinismo, levouno a aplicar as cuestións do pecado e da concupiscencia nun conxunto de afirmacións agostiñas estritas, que o axudaron a emprender unha nova lectura dos textos paulinos e, sobre todo, da carta aos romanos, ata descubrir a concepción da fe fiducial e Xesús Cristo salvador como causa única da salvación. A crise interna relixiosa estalou coa cuestión das indulxencias. Lutero, que durante a controversia fora perfilando e radicalizando o seu pensamento, respondeu á bula condenatoria de León X de 1520 co Adversus execrabilem Antichristi bullam. A Igrexa representábase como a congregación de corazóns nunha soa fe, presidida por Xesús Cristo no Ceo e só por el rexida, sen que o papa tivese absolutamente ningún lugar na Igrexa. Por outra banda, a triloxía de obras aparecidas durante o derradeiro semestre de 1520, An den Christlichen Adel Deutscher Nation (A nobreza cristiá da nación Alemana), De captivitate Babylonica Eclesiae (A catividade babilónica da Igrexa) e Von der Freiheit eines Christenmenschen (A liberdade cristiá), daba unha nova interpretación da relación fe-escritura-crente (que excluía calquera intervención autoritaria do maxisterio), do concepto de sacramento con vista ao crecemento da fe fiducial e da redución a dous sacramentos, bautismo e eucaristía. A ruptura coa Igrexa quedou determinada pola bula de excomuñón persoal de Lutero o 3 de xaneiro de 1521. Sen retractarse, refuxiouse no castelo de Wartburg entre o 4 de maio de 1521 e o 3 de marzo de 1522, onde se dedicou ao estudo e á tradución ao alemán do Novo Testamento dentro do proxecto xeral de tradución de toda a Biblia, que rematou en 1534. Pouco a pouco configurouse a nova Igrexa: misa na lingua do pobo, visita ás comunidades que levou ao establecemeto dos superintendentes e a redacción dos dous catecismos de Lutero.

Cronología

  • Nacemento

    Lugar : Eisleben

  • Deceso