Mao Zedong
Político e revolucionario chinés. Foi cofundador do Partido Comunista Chinés (PCCh). Como xefe de propaganda do partido (1925-1926), marchou a Hunan e organizou o campesiñado como forza revolucionaria. Opúxose aos dirixentes comunistas, que seguían na crenza de que o proletariado urbano era a base da revolución chinesa. Estableceu en Jiangxi un goberno soviético, pero en previsión de que non podería resistir a ofensiva de Chiang Kai-shek, encabezou a Longa Marcha (1934). Conseguiu chegar a Shanxi e estableceu un novo goberno soviético con capital en Yan’an (1935-1949). A finais de 1947, fixo un esquema da política económica futura do goberno comunista: requisa das propiedades feudais e distribución entre os campesiños, nacionalización do capital burocrático e control da banca, da industria e do comercio exterior. O 1 de outubro de 1949 foi proclamada en Pequín a República Popular de China. Mao foi sucesivamente presidente do Consello, da república e secretario do partido. A partir de 1958 impulsou as comunas do pobo, onde se unían a actividade agraria, industrial, familiar e militar e o salario igualitario. Na primavera de 1966, coa axuda de Lin Biao, puxo en marcha a Revolución Cultural, que tiña como obxectivo a transformación das consciencias e garantir a construción do socialismo. A destitución de Liu Shaoji (1968) e a celebración do noveno congreso do partido (1969) significaron para Mao a recuperación da dirección e a implantación da súa política.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : Shaoshan, Hunan -
Deceso
Lugar : Pequín