Miguel, san
Arcanxo. No Antigo Testamento é presentado como defensor do pobo e na Apocalipse loita cos seus anxos contra o dragón. En Occidente identifícase co que acompaña e pesa as ánimas. O seu culto difundiuse na Idade Media por todo Occidente a partir, sobre todo, das aparicións que lle foron atribuídas no monte Gargano (s VI), sobre a tumba de Adrián no castelo Sant’Angelo en Roma (950) ou en Mont Saint-Michel (708). A iconografía dos primeiros séculos representábao cunha túnica branca, lanza e escudo; como o acompañante das ánimas ou no momento de pesalas. Un dos temas máis frecuentes é a súa loita co dragón. Os seus atributos persoais son unha espada na man dereita que brande cara a un demo monstruoso asoballado baixo os seus pés, e unha balanza na man esquerda para pesar as ánimas ou un escudo no que se pode ler Quis ut Deus (Quen coma Deus?). A súa festividade celébrase o 29 de setembro.