Macedonia
República situada no centro dos Balcáns, que limita con Serbia ao N, con Bulgaria ao L, con Grecia ao S e con Albania ao O (25.713 km2; 2.038.000 h [estim 2001]). A capital é Skopje.
Xeografía física
Comprende o sector setentrional da rexión de Macedonia, que se corresponde coa conca alta do río Vardar. Está formada por diversas serras, cunha dirección NL- -SO, que sinalan a divisoria de augas entre o Mar Exeo e a conca do Danubio. A característica morfolóxica dominante é a presenza dunha serie de concas rodeadas de montañas, nas que a altitude diminúe de O a L, e que finalizan ao entrar en contacto co val do Vardar. O clima é predominantemente continental, onde o Vardar divide a república en dúas zonas climáticas: o S é máis mediterráneo, mentres que o N conserva as características do clima continental. A pluviosidade aumenta coa altitude. Os ríos principais desembocan no Mar Exeo.
Xeografía económica
Economía e sectores de actividade
Macedonia era coñecida polas súas reservas minerais de ouro e prata e, máis tarde, polo petróleo e o viño; pero actualmente a agricultura é a base principal da súa economía que se concentra na beira do río Vardar e os seus afluentes, e que se basea nos cultivos de tabaco, viña, arroz e cereais. O sector máis importante é o do leite, ademais do gando ovino e caprino. Explótanse xacementos minerais de ferro, chumbo, cobre e magnesita. A metalurxia é o sector industrial máis importante, se ben destaca a produción de enerxía eléctrica, a industria téxtil, a mecánica, a alimentaria e a elaboración de tabaco.
Comercio exterior
Respecto á cooperación económica co exterior, a guerra entre as antigas repúblicas iugoslavas e o cambio de réxime en Albania fixeron que o goberno macedonio incrementase as relacións con este país. A guerra cos países veciños, as malas colleitas e os problemas económicos dos antigos estados comunistas, dificultaron as medidas que levarían a Macedonia a unha economía de libre comercio. Exporta maquinaria, equipos de transporte e produtos téxtiles principalmente, e importa combustibles minerais, materias primas e bens semifacturados e combustibles minerais.
Xeografía humana
É xunto coa República de Montenegro a área menos poboada da Península Balcánica, cunha densidade de 79h/km2(2001). O 48% da poboación é rural. As cidades máis importantes son Skopje, Prilep, Bitola e Tetovo.
Sociedade e goberno
Diversidade étnica e cultural
O maior grupo étnico son os macedonios (66,2%). Outros grupos importantes son os albaneses (22,7%), turcos (4%), musulmáns (2,3%), romaneses (2,2%) e serbios (2,1%). Os restantes grupos conforman o 2,2%. O macedonio é a lingua oficial, pero tamén se fala o albanés, o gagauz , o romani e o turco. A relixión ortodoxa é maioritaria (54,4%). Os musulmáns sunnitas representan o 29,9%, mentres que o 15,7% da poboación son fieis doutras relixións. A educación é obrigatoria ata os 15 anos. Durante o curso 1998-1999, 129.633 nenos estudiaban nas escolas primarias, 218.666 nas secundarias e 35.141 na universidade.
Desenvolvemento humano
O Indicador de Desenvolvemento Humano sitúa a Macedonia entre os países cun desenvolvemento humano medio (ocupa o 60º posto cun índice do 0,766). Este indicador desagregado ofrece o seguinte balance: a esperanza de vida ao nacer é de 71 anos para os homes e de 75 anos para as mulleres; o índice de alfabetización de adultos é do 94% da pobación; o índice bruto de escolaridade é do 70%; e o PNB por habitante é de 1.660 $ EE UU.
Goberno e política
República federada iugoslava, proclamou a súa independecia o 15 de setembro de 1991 e foi recoñecida pola ONU o 8 de abril de 1993. Segundo a Constitución, aprobada en novembro de 1991, o poder executivo reside no presidente da república, elixido por sufraxio directo para un período de cinco anos. O poder lexislativo reside na Sobranie (Asemblea Nacional) composta por 120 membros elixidos por sufraxio universal para un período de catro anos. O poder xudicial está representado polo Tribunal Constitucional e a Corte Xudicial da República. Os principais partidos políticos son: Za Makedonija zaedno (Xuntos por Macedonia), coalición de dez partidos, de tendencia demócrata e liberal, encabezada pola Socijaldemokratski Sojuz na Makedonija (Liga Socialdemócrata de Macedonia, SDSM); de tendencia conservadora o Vnatrešno-Makedonska Revolucionerna Organizacija-Demokratska Partija za Makedonsko Nacionalno Edintsvo (Organización Revolucionaria do Interior de Macedonia-Partido Democrático para a Unión Nacional de Macedonia, VMRO-DMPNE); e como principal forza política da etnia albanesa destaca Demokratska Unija za Integracija (Unión Democrática para a Integración, DUI). Forma parte dos seguintes organismos internacionais: Consello de Europa, ERBD, OSCE e ONU.
Historia
As orixes
Durante a antigüidade formou parte do Imperio Romano e despois da súa división sufriu diversas invasións. Formou parte do Primeiro Imperio Búlgaro (608-1018), do Imperio Bizantino (1018-1187) e do Segundo Imperio Búlgaro (1187-1256), ata que foi conquistada polos serbios. Sometida ao dominio dos turcos en 1371, conservaron o seu dominio ata que tralas Guerras Balcánicas (1912-1913), se dividiu entre Serbia, Grecia e Bulgaria. Integrada na república de Serbia e despois no Reino de Iugoslavia (1918), sufriu a ocupación alemá e búlgara durante a Segunda Guerra Mundial (1939-1945). A resistencia fronte a ocupación estivo dirixida polo Consello Antifascista de Liberación do Pobo de Macedonia, que mantivo unha postura próxima aos comunistas de Josip Broz Tito. Despois da guerra produciuse unha nova división de Macedonia entre Bulgaria, Grecia e Iugoslavia (1947). Constituíuse nunha das seis repúblicas autónomas que integraban o estado federal socialista iugoslavo, onde se recoñeceron os seus dereitos nacionais.
A independencia e o recoñecemento internacional
Os macedonios pronunciáronse pola separación da federación iugoslava nun plebiscito celebrado en setembro de 1991, durante a guerra entre as repúblicas de Croacia e Eslovenia e o exército federal. Nas primeiras eleccións, celebradas en novembro dese ano, venceu a SDSM, o antigo Partido Comunista, e Kiro Gligorov foi elixido presidente mentres que Branko Crvenkovski foi designado xefe do goberno. O goberno tentou acadar o recoñecemento internacional, que foi obstaculizado por Grecia ao considerar que ese nome era unha usurpación da historia e a cultura gregas, e evidenciaba aspiracións territoriais sobre o seu territorio. Os gregos condicionaron o seu recoñecemento ao cambio de nome da nova república polo de Antiga República Iugoslava de Macedonia. A negativa macedonia provocou o bloqueo comercial grego (1993). A importante minoría albanesa iniciou un movemento que buscaba o seu recoñecemento oficial e, despois da revolta dos albaneses en Kosovo, a ONU despregou forzas de pacificación na fronteira con Iugoslavia. Nas eleccións lexislativas de outubro de 1994 venceu unha coalición denominada Alianza de Macedonia (AM) na que participaron os liberais, os socialistas e os albaneses. Tanto K. Gligorov como B. Crvenkovski renovaron os seus respectivos cargos. En 1995, baixo a presión diplomática de EE UU, Grecia recoñeceu a soberanía de Macedonia e levantou o embargo a cambio dunha modificación da bandeira de Macedonia.
A inestabilidade interna e o problema dos albanos
O plan de privatizacións do goberno provocou a ruptura da coalición (1996) e Crvenkovski, despois de cesar a catro ministros liberais, refixo o seu gabinete. As eleccións parlamentarias de outubro e novembro de 1998 déronlle a maioría a unha nova coalición, a VMRO-DMPNE. Ljubco Georgievski converteuse en primeiro ministro a finais de novembro. Para evitar problemas coa minoría albanesa, o goberno solicitou da OTAN o estacionamento de tropas na fronteira, pero tralos bombardeos de 1999, miles de kosovares de orixe albanesa refuxiáronse en Macedonia, incrementando as tensións internas. Nas eleccións presidenciais de 1999, marcadas por serias irregularidades, venceu Boris Trajkovski, membro do grupo no poder. O incremento da violencia étnica durante o ano 2000 acadou un dos seus cumios nos primeiros meses de 2001, coa irrupción de grupos armados albaneses que se estenderon polo territorio macedonio, onde se enfrontaron coas forzas da orde e chegaron a Tetovo.
Unha saída ao conflito
En novembro de 2001 chegouse a un acordo entre as guerrilas albanesas e o goberno, coa mediación da UE, que se reflectiu nunha reforma constitucional na que a minoría albanesa recibiu unha cuota maior de poder. Nas eleccións parlamentarias celebradas en setembro de 2002, a coalición Za Makedonija Zaedno, encabezada pola SDSM de B. Crvenkovski acadou 60 dos 120 escanos do parlamento. Nas eleccións presidenciais de 2004, B. Crvenkovski revalidou a presidencia da república.