Macías o Namorado
Poeta da escola galego-castelá. Tal vez orixinario de Padrón, estivo activo probablemente ao redor da segunda metade do s XIV e viviu no reinado de Pedro o Cruel. É o autor máis antigo dos que cultivaron a súa lírica con posterioridade aos trobadores galego-portugueses e anterior ao espallamento dos cancioneiros que tivo lugar a partir do segundo cuarto do s XV. Atribúenselle sete composicións en galego, de tema amoroso, que pertencen ao xénero da cantiga. Nestes poemas alterna os versos longos cos de pé quebrado e recorre á annominatio. Por iso e pola súa biografía, no s XV converteuse en arquetipo do poeta amoroso. Foi tratado de forma burlesca no s XVIII, pero a súa figura foi recuperada no Romanticismo, especialmente a partir das obras de Mariano José de Larra, o drama Macías, e o romance histórico El doncel de don Enrique el Doliente.