Macizo Central
Rexión do centro-sur de Francia (85.000 km2), formada por un conxunto de terras altas que separan a conca de París de Languedoc e Aquitania do val do Ródano. É un extenso macizo antigo cun relevo moi compacto. Fragmentado durante o dobramento herciniano e formado por materiais cristalinos (granitos, gneis e xistos), foi afectado no Terciario por unha serie de dislocacións que o fracturaron en diversos bloques de altitude desigual e fosas tectónicas. Relacionado con estas dislocacións, as grandes masas de lava formaron o actual aparato volcánico que constitúe o centro do macizo. As cimas máis elevadas son aqueles volcáns, intensamente erosionados. En conxunto presenta o aspecto dun altiplano sucado por numerosos ríos, que forman profundas gorxas e ofrecen unha gran variedade de paisaxes. O clima é moi variado porque depende da altitude e da influencia mediterránea e atlántica. Esta rexión, illada dos grandes eixes de comunicacións, experimenta un intenso éxodo rural. A agricultura favoreceu a algunhas áreas grazas á especialización da gandería e a actividade industrial vai ligada á explotación do carbón. É un centro turístico con abundantes estacións termais.