magnetófono

magnetófono

(< magneto- + -fono)

s m [FÍS/TECNOL]

Aparato de rexistro magnético de sons que se basea na imantación permanente dun soporte axeitado, xeralmente unha cinta magnética. Permite rexistrar e reproducir todo tipo de información acústica e tamén impulsos que non pasen o límite das frecuencias audibles (20 kHz). A base onde se fai o rexistro é unha cinta magnética disposta nunha bobina que, desenrolada adecuadamente, pasa a enrolarse noutra. O elemento activo que realiza o rexistro é o cabezal de rexistro, que aplica un campo magnético sobre a cinta, que se despraza a unha velocidade constante, á vez que se mantén sempre en contacto con ela. O aparato dispón dun motor eléctrico regulado, co fin de manter a velocidade constante, e tamén dun sistema electromecánico que mantén a cinta tensa. Outro cabezal magnético, o cabezal de reprodución, recolle as diferencias de magnetismo remanente da cinta a través do entreferro, e o sinal recollido pasa a un amplificador e ao altofalante, que reproduce a información previamente rexistrada. Tamén hai un cabezal de borrado, que ten como misión a de deixar a cinta totalmente limpa de rexistros anteriores. Os magnetófonos poden funcionar cunha soa pista, pero adoitan ter 2,4 ou 8 pistas, o que permite facer rexistros estereofónicos. Unha versión comercial do magnetófono moi estendido é o casete.