2 maia

2 maia
  1. adx

    Relativo ou pertencente aos maias ou á súa lingua.

  2. s [ETN/HIST]

    Individuo do pobo maia.

  3. s m pl [ETN/HIST]

    Pobo indíxena de América Central, que creou a principal cultura precolombina, estendida polo S de México (estados de Yucatán, Campeche, Tabasco, unha parte de Chiapas e o territorio de Quintana Roo) e por Guatemala, Belize, occidente de Honduras e El Salvador. Este vasto territorio está constituído por tres rexións moi diferenciadas: as altas serras, a rexión central (Petén) e o N do Yucatán. Coa chegada dos primeiros grupos, que se estableceron nas terras altas de Guatemala (1500? a C), iniciouse a época preclásica. Estes grupos tiñan unha cultura de tipo neolítico, de técnicas agrícolas moi primitivas, con cultivo de millo, xudías, cabazas e algodón, e tiñan coñecemento da cerámica e do tecido. Durante o período formativo (ss III a C-III) constituíronse pequenos núcleos urbanos con templos en forma de pirámide en chanzos. Traballaban a cerámica cunha gran perfección e establecéronse as bases da escritura xeroglífica, do calendario e da numeración, as grandes innovacións culturais dos maias. Durante a época clásica (ss IV-X) o centro cultural foi Petén. Construíronse grandes cidades como Tikal, Palenque, Piedras Negras, Yaxchilán e Río Azul con templos pirámide, palacios, plataformas para o culto dos deuses e campos para o xogo da pelota ritual. Tamén erixiron estelas de pedra con figuras e relevos conmemorativos, perfeccionaron a escritura, completaron o calendario e cultivaron as artes menores, sobre todo, a cerámica pintada. No s X abriuse unha nova etapa cultural, a época posclásica, en Yucatán; ao S xa naceran algunhas cidades ao final do período clásico como Uxmal e Labná. Entre 978 e 987, poboaron Yucatán xente que procedía do N, emigrantes toltecas que abandonaran a súa capital, Tula, por motivos relixiosos e políticos, e establecéronse na antiga cidade maia de Chichén, que denominaron Chichén Itzá. Con este contacto, a cultura maia recuperouse, mais en 1525, as tropas da Coroa Hispánica iniciaron a conquista de Guatemala, e as pequenas cidades, desunidas, non puideron afrontar a superioridade militar dos invasores. A sociedade maia estaba totalmente xerarquizada pola relixión: cada cidade-estado estaba dirixida por unha clase de reis sacerdotes, os halach-huinic. Os homes libres, que cultivaban a terra, practicaban traballos artesanais e facían as construcións públicas. Os escravos facían o traballo máis duro e podían ser sacrificados aos deuses se ocorría algún desastre. A relixión consistía nunha clase de divinización dos elementos da natureza. Aínda que a cultura maia se acercaba a un nivel tecnolóxico propio do Neolítico europeo, no terreno intelectual e especulativo, en contraste, alcanzou un nivel extraordinario xa que foi a única cultura precolombina que desenvolveu un sistema de escritura e estableceu un calendario dunha precisión extraordinaria, baseado na observación dos astros.

  4. s m [LING]

    Lingua do phylum amerindio do grupo maia-quiché que falaban os antigos maias. O maia setentrional, ou clásico, é a lingua literaria, e o maia meridional, menos culto, está máis diversificado. Actualmente fálano unhas 30.000 persoas no estado de Yucatán e no norte do estado de Campeche. Está constituída, na súa parte esencial, por raíces con frecuencia monosilábica, a veces disilábica, ás que se fixan partículas que indican as diferentes categorías gramaticais (xénero, número, tempos verbais, etc). Ten escritura ideográfica e o seu resto máis antigo é do s IV; tamén se conservan tres manuscritos, o máis antigo data do s X.

  5. arte maia [ARTE]

    Arte desenvolvida polos maias. En arquitectura, na época clásica, a falsa bóveda permitiulles cubrir os edificios con pedra, que decoraron con recheos sobre estuco como en Palenque ou sobre pedra como en Copán. Destacan as esculturas de Piedras Negras e as estelas conmemorativas de Quiriguá. Ao S de Yucatán, o estilo orientouse cara a unha decoración que formou mosaicos en pedra como os de Uxmal, Labná ou Sayil. Na época posclásica floreceu a arte tolteco-maia, con monumentos como o de Chichén Itzá e Tulu També. Na pintura conseguiron unha gran perfección, como en Bonampak.

  6. arte maia [ARTE]

    Escritura desenvolvida polos maias. O sistema xeroglífico e ideográfico maia é tan complexo que aínda non foi totalmente descifrado: dos 400 signos de que consta, só se coñece o significado da metade, que corresponde aos signos dos números e do calendario e os nomes dalgúns deuses. Polo que respecta á numeración, os maias estableceron un sistema vixesimal e posicional en que os números se representaban mediante puntos e raias. Para escribir datos ou cifras importantes, moitas veces, especialmente nas estelas conmemorativas, utilizábanse signos xeroglíficos, en lugar dos puntos e raias.

  7. escritura maia [ESCR]

    Literatura desenvolvida polos maias. Sábese que os maias escribiron algúns libros, pero só se conservan tres: o dos códex Trocortesiano, o Dresdensis e o Peresianus. Coñécese a riqueza da literatura maia grazas ás versións posteriores á conquista, escritas en lingua quiché e en escritura latina. A obra máis importante é o Popol Vuh, unha serie de narracións mitolóxicas e históricas, pero tamén destacan os libros de Xilam-Balam, Os anais dos cakchiqueis e Os títulos dos señores de Totonicapán. Coñécese tamén unha extraña obra dramática, titulada Rabinal Achí.

Palabras veciñas

Mai, Angelo | Mai, Miquel | 1 maia | 2 maia | Maia | Maia | Maía, A