Málaga
Cidade e capital da provincia homónima, Andalucía, situada na desembocadura do Guadalhorce (524.414 h [2001]). O núcleo antigo sitúase entre o Guadalorce e as altitudes do L, coroadas pola Alcazaba e o castelo de Gibralfaro. A cidade medrou grazas á emigración e ao aumento da actividade turística, potenciada polo desenvolvemento da Costa del Sol, sobre todo de Torremolinos, o que fixo que destaquen as actividades administrativas e comerciais. Tamén son importantes as industrias da construción, as alimentarias, a metalúrxica e a química. Fundada polos fenicios, a cidade pasou a Cartago e foi ocupada máis tarde polos romanos (205? a C). Xudeus, sirios e gregos formaron unha colonia mercantil e foi ocupada polos bizantinos (551) e os visigodos (570) ata que, baixo o dominio árabe (714) alcanzou un grande esplendor. Coa caída do Califato de Córdoba foi capital da Taifa de Málaga, ata que pasou a formar parte da Taifa de Granada (1057). Despois das dominacións almorábide (1090) e almohade (1153) dependeu do Reino de Granada e desenvolveuse o porto que canalizou o comercio de ouro entre África e os reinos cristiáns. Os Reis Católicos reconquistárona en 1487 e concedéronlle diversos privilexios, pero as revoltas e a posterior expulsión dos mouriscos, degradaron a súa economía; por contraste, foi convertida no principal porto da flota castelá no Mediterráneo. A decadencia do s XVII deu paso a unha recuperación económica no s XVIII, grazas ao comercio de la, seda, viño e peixe. No s XIX foi un dos focos principais do cantonalismo, o anarquismo, o comunismo e as revoltas agrarias andaluzas. Durante a Guerra Civil foi ocupada polas tropas franquistas o 13 de febreiro de 1937. A partir da década de 1960 o turismo substituíu as actividades tradicionais. Do seu patrimonio cultural destaca a Alcazaba, fortaleza musulmá do s XI restaurada polos nazarís (ss XIII-XIV), a catedral (s XVI), a basílica visigoda de San Pedro de Alcántara (s VI), as igrexas de Santiago (1490) e dos Santos Mártires, fundadas polos Reis Católicos, a do Sagrario (1448) e a de San Felipe Neri, obra de V. Rodríguez (1778).