Mallorca
Illa de maior tamaño do arquipélago das Illes Balears, que ocupa a posición central dentro do arquipélago (3.624 km2; 841.669 h [2001]).
Xeografía
A costa é moi regular, aberta ás baías de Pollença e Alcúdia ao NL, e á de Palma ao SO. O relevo está constituído por dúas aliñacións montañosas, a serra da Tramuntana e as serras de Llevant, orientadas de SO a NL. Entre elas esténdese unha chaira central. O clima é mediterráneo. Na distribución da poboación destaca o continuo crecemento da cidade de Palma de Mallorca, que en 1900 representaba o 25% da poboación total e en 1981 chegaba ata o 54,32%. En 1986 comezou un leve retroceso en beneficio dos municipios da periferia urbana. En 1991, a poboación ocupada era do 35,4%. O sector primario representa o 4,7% da poboación activa e os servicios ocupan o 66,2% da poboación activa. A industria (14,5%) e a construción (14,6%) son actividades complementarias. A agricultura e o comercio foron as actividades básicas da economía de Mallorca ata a aparición do turismo.
Historia
Os primeiros indicios humanos datan do ano 4000 a C, e desde a Idade de Bronce desenvolveuse a cultura talaiótica. Trala conquista romana (123 a C), fundáronse Polentia e Palma, e romanizáronse os núcleos indíxenas. En 454 conquistárona os vándalos, en 534 os bizantinos e en 903 os árabes. Entre 1158 e 1203 instaurouse a Taifa de Mallorca e iniciouse a dinastía dos Banū Ġāniya. Foi reconquistada por Xaime I (1229) e iniciouse un período de prosperidade económica provocada pola situación xeográfica da illa sobre as rutas comerciais do Mediterráneo. O descubrimento de América (1492) significou a desviación das grandes rutas comerciais e Mallorca quedou marxinada e suxeita ás incursións da piratería turca. Os Decretos de Nueva Planta (1715) supuxeron a fin do Reino de Mallorca, que se converteu nun título nobiliario. A finais do s XVIII a fame, as pestes e a desigualdade social provocaron unha gran crise económica. Non obstante , a maior seguridade de navegación no Mar Mediterráneo permitiu un aumento do comercio e unha maior prosperidade. A finais do s XIX, a Societat Econòmica de Amics del País contribuíu a formar unha mentalidade nova: fundouse o primeiro periódico, creáronse escolas de ensinanzas prácticas e estimulouse a busca de novas solucións en todas as ramas da produción. O sistema político achegouse a posturas rexionalistas, freadas cando se instaurou o maurismo (1903). Durante a ditadura franquista coñeceu un auxe da industria turística, especialmente a partir da década de 1960.