Mampaso Bueno, Manuel
Pintor. Formado na Real Academia de Bellas Artes de San Fernando, colaborou en La hora e Alcalá, e realizou murais e escenografías para o Teatro Español Universitario. Introduciu a arte abstracta en España e foi un dos pioneiros da vangarda española da década de 1950. Traballou na renovación da pintura con obras como Verdes y redes (1950-1951), Ocre y gris (1960) e Composición (1960), onde expresou o paso da figuración cara ao xestual co establecemento dunha organización abstracta e xeométrica das relacións formais, cromáticas e lumínicas. Empregou a mancha firme de cores puras e abordou a estrutura compositiva e a diferenciación cromática. A finais desta década decantouse cara a unha abstracción baseada na action painting e amosou afinidades co grupo El Paso. Posteriormente, aventurouse no campo da escena e vinculouse ao mundo do teatro e do cine, onde traballou como figurinista e decorador e realizou as escenografías das obras teatrais La Celestina e Medea ou a ópera Norma. Traballou como director artístico e realizou decorados e figuríns de filmes, ademais de debuxos para o xornal ABC. Cara a 1969 amosou unha ruptura coa súa obra anterior e substituíu a abstracción polas escenas críticas coa sociedade do momento, como Gaudeamus Igitur (1968), onde reflectiu de forma crítica a nova situación española. Empregou un expresionismo onde amosou cabezas feroces e pintou obras próximas á ilustración e á viñeta, como Calle Echegaray (1968). Despois interesouse pola investigación compositiva e realizou estudios de árbores con cores negras e escuras sobre fondos intensos (Árboles, 1973), que están expresados con pinceladas amplas e marcadas. Entre 1976 e 1980 realizou a serie Neomudéjar, onde o xeometrismo e as combinacións cromáticas acadaron a súa máxima expresión. Na década de 1980 volveu á figuración, amosou o pesimismo coa sociedade do seu tempo e seguiu pintanto retratos de figuras da época como Retrato de Camilo José Cela (1989). Continuou coa investigación sobre a pintura e interesouse polo Neocelta coa busca das raíces celtas e nórdica. Nestas pinturas amosou un estilo abstracto cun dominio dos motivos curvilíneos e os tons marróns e ocres. A súa obra está presente nas coleccións do Museo Nacional Centro de Arte Reina Sofía e da Fundación Barrié de la Maza. Recibiu cinco premios consecutivos do Círculo de Bellas Artes de Madrid e foi nomeado cabaleiro da Orden de Leopoldo II.
Cronología
-
Nacemento
Lugar : A Coruña -
Deceso
Lugar : Madrid