Mancha, A

Mancha, A

Rexión da Península Ibérica que constitúe o sector SL da Meseta, compartida entre as provincias de Cuenca, Ciudad Real, Toledo e Albacete, que xunto con Guadalajara formou a comunidade de Castela-A Mancha. É unha gran chaira horizontal que se corresponde cunha gran conca sedimentaria miocénica onde abundan os solos calcarios. Correspóndese coa cabeceira do Guadiana e é unha rexión agrícola con cultivos de viña, cereais e oliveiras. Ocupa o primeiro lugar das rexións vinícolas da Península Ibérica. A modernización da agricultura permitiu a introdución de novos cultivos como forraxes, xirasoles ou remolacha azucreira. A gandería lanar deu lugar á elaboración de queixos. A industria concéntrase nos polígonos próximos ás cidades de Madrid, Albacete e Ciudad Real e baséase fundamentalmente na transformación de produtos agrícolas.