manchú

manchú
  1. adx

    Relativo ou pertencente a Manchuria, aos seus habitantes ou a súa lingua.

  2. s

    Natural ou habitante de Manchuria.

  3. [ETN]
    1. adx

      Relativo ou pertencente ao pobo manchú. 

    2. s

      Individuo do pobo manchú.

    3. s m pl

      Pobo pertencente á rama meridional dos tungús, que habita principalmente na rexión SO da península de Manchuria, malia que algúns dos seus grupos se estenden polo territorio ruso na conca do Amur. Orixinariamente eran un pobo cazador e guerreiro.

  4. s m [LING]

    Lingua tungusa do phylum altaico que se fala en lugares dispersos de Manchuria. O vocalismo presenta harmonía vocálica e a maioría das palabras son disílabas. A sintaxe fundaméntase no principio de que cada elemento secundario precede ao elemento principal. O alfabeto, adaptado en 1599, deriva da escritura mongol. En 1632 foi creado un sistema de signos diacríticos para transcribir os signos do manchú.

  5. literatura manchú [LIT]

    Literatura desenvolvida en lingua manchú. Predominan os temas de historia das dinastías de orixe mongola ou tungús, os textos moralizadores e os traballos sobre a administración, as leis e a guerra. Como obra de creación destaca o Eloxio da cidade de Mukdon (1748), escrito polo Emperador K’ienglong. A literatura manchú viviu o seu apoxeo no s XVIII, despois da chegada da dinastía manchú ao poder en China.