Manchuria
Rexión situada no NL de China que comprende os sheng de Jilin, Liaoning e Heilongjiang (786.400 km2; 106.550.000 h [2000]). A capital é Shenyang. O centro da rexión é unha chaira ondulada regada polo Changpai e o Ussuri. O clima é frío. Os principais cultivos son o millo e a soia. Destacan a pesca, as industrias siderúrxicas e a maquinaria diversa. Escasamente poboada polas tribos nómades de orixe tungús, no s X a dinastía Liao fíxose co control das chairas do N de China e no s XII fixérono os Xin. Os mongois da dinastía Iuan conquistaron Manchuria, pero no s XVI tribos independentes formaron un imperio que se estendeu entre o mar e o río Amur. En 1644 os manchús atravesaron a Gran Muralla, ocuparon Pequín e instauraron a dinastía manchú dos Xing. Rusia, que aspiraba á colonización de Manchuria desde o s XVI, estableceu polo tratado de Nerčinsk (1689), unha fronteira ao longo do río Amur. A finais do s XIX Xapón disputoulle o territorio a Rusia. En 1898 o tsar ocupou as bases de Port Arthur e Dalian, e construíu o ferrocarril transmanchú (1896 -1905) entre Čita e Vladivostok. A vitoria xaponesa de 1904-1905, permitiulles recuperar o control do territorio. Despois da renuncia dos rusos a esta rexión en 1924, Xapón instaurou un protectorado; en 1931 ocupou toda Manchuriae constituíu o estado satélite de Manchukuo, ocupado polos soviéticos en 1945. Malia a súa retirada en 1946, os soviéticos conservaron o control de Port-Arthur e de Darien, e a guerra civil chinesa estendeuse tamén por Manchuria. En 1948 a rexión converteuse nunha provincia autónoma da República Popular de China. En 1955 a URSS devolveu Port-Arthur e Dalian, pero desde 1960 o goberno chinés reclama os territorios manchús incluídos na Siberia rusa.