Mantua
Capital da provincia homónima, en Lombardia, Italia (46.372 h [2001]). Situada na ribeira dereita do Mincio, preséntase como unha pequena península entre os lagos Mezzo e Inferiore. Destaca a industria química, mecánica e de confección. Fundada polos etruscos entre os ss VI-V a C, foi ocupada sucesivamente polos galos (s IV a C) e polos romanos cara ao 200 a C. Conquistada polos visigodos (401) e os lombardos (601), no s XI foi sometida a Toscana. Cidade güelfa desde 1235, participou na liga contra o Imperio e en 1328 san Luís Gonzaga acadou o poder. Elevado a marquesado polo Emperador Sexismundo I (1433) e a ducado por Carlos V (1530), en 1536 incorporou Monferrato. Ao extinguirse a rama principal da familia dos Gonzaga (1627), iniciouse a guerra entre as ramas de Nevers e Guastalla, sostidas respectivamente por Francia e España. Despois da morte, sen sucesión, de Fernando Carlos IV de Mantua (1708), Savoia anexionou Monferrato e en 1710 os Austria uniron Mantua con Milán. Formou parte do Reino Lombardo-Véneto (1815-1819) e de Venecia ata 1866, momento en que se uniu ao Reino de Italia. Das súas igrexas destacan a Rotonda di San Lorenzo (s XI), a catedral (s XIII) e a igrexa de Sant ‘Andrea (s XV).