Marianas, illas

Marianas, illas
Nome científico: [nome oficial: Commonwealth of the Northern Mariana Islands]

Arquipélago do Pacífico occidental que forma parte da Micronesia norteamericana, ao N de Guam, ao L de Filipinas e ao S de Xapón (477 km2; 75.000 h [estim 2001]). A súa capital é Saipan. Son illas de orixe volcánica, alternantes con formacións coralinas, das que destacan Saipan (116 km2), Tinian (109 km2) e Rota (85 km2). A maior parte da poboación é micronesia. Os principais cultivos agrícolas son o cacao, o coco e a cana de azucre. A pesca é moi abundante, sobre todo a de atún e crustáceos, pero a principal actividade económica é o turismo. Foron descubertas por Fernão de Magalhães (1521), que as chamou Illas dos Ladróns, pero os xesuítas casteláns, chegados en 1668, rebautizáronas co nome de Marianas, en honor de Mariana de Austria. Posesión española ata 1898, ano en que cedeu Guam a EE UU, despois do referendo de 1977 estas illas, agás Guam, convertéronse nun estado asociado de EE UU, baixo o nome de Commonwealth of the Northern Mariana Islands.