Mariña Oriental, comarca da
Comarca situada no N-NL da provincia de Lugo e no NL de Galicia. Limita ao N co Mar Cantábrico, ao S coa comarca da Fonsagrada (A Fonsagrada e Ribeira de Piquín), ao L con Asturias e a ría de Ribadeo e ao O coas comarcas da Mariña Central (Foz e Lourenzá) e Meira (Riotorto). Abrangue unha extensión total de 403km2, cunha poboación de 17.732 h (2001), distribuída entre os concellos de Barreiros (72,42 km2; 3.574 h), A Pontenova (135 km2; 3.628 h), Ribadeo (112,3 km2; 9.035) e Trabada (82,7 km2; 1.591). A cabeceira comarcal, Ribadeo (latitude 43° 32’ N e lonxitude 7° 01’ O), foi sede de partido xudicial, pero depende de Mondoñedo, ao igual que todos os concellos da comarca, constituída nun espazo funcional moi vencellado á vila de Ribadeo, centro administrativo, comercial e de servicios, cun ámbito de influencia supracomarcal (occidente de Asturias), pero moi limitado na súa parte occidental debido á presenza de Foz.
Xeografía física
O relevo divídese en tres unidades fundamentais: a costa, os vales do Eo e o Masma, e as áreas montañosas. A costa correspóndese coa unidade morfoestrutural da rasa, plataforma de abrasión mariña elevada que se prolonga tanto cara ao L (Asturias) como cara ao O (Mariña Central), aínda que na comarca adquire unha grande anchura (máis de 5 km). Esta plataforma está cuberta por sedimentos terciarios (arxilas e limos), baixo estruturas de lousa e xisto. A costa é rectilínea, en liñas xerais, aínda que con importantes promontorios, acantilados (praia das Catedrais, illa Pancha) e areais. A segunda unidade compóñena os vales do Masma, no límite coa Mariña Central, e do Eo, no límite con Asturias. O val do Masma que nesta parte da comarca se amplía cara ao SL (val de Cabarcos) desemboca no mar na ría de Foz. O val do Eo é moito máis angosto, vaise abrindo paso en profundos vales e penetra en Asturias para facer de límite entre a comarca e Asturias. O Eo desemboca na ría de Ribadeo, duns 10 km de lonxitude e de escasa anchura. Recibe varios tributarios, como o río de Trabada e o río Grande, que forman amplos vales no concello de Trabada e no interior do de Ribadeo, respectivamente. A presenza dunha fractura con dirección SSO-NNL fai que o Eo discorra bastante encaixado ata a súa desembocadura. Finalmente, a orla montañosa pecha a comarca polo S. As principais cadeas montañosas son a serra da Cadeira, de morfoloxía xistosa, que con dirección SSL-NNO separa a comarca da Mariña Central e culmina no Cerrochán (776 m), en Trabada. A serra do Pousadoiro fai de límite natural coa Fonsagrada e Meira, culminando no coto de Frades (960 m) e no coto Barreiras (899 m), na Pontenova. Trátase dun cordal de materiais de lousa, moi incididos pola intensa fracturación á que se adaptaron os principais cursos fluviais, con dirección N-S e L-O. Finalmente, as montañas de Oscos, no límite entre A Pontenova e Asturias, presentan tamén importantes alturas, con profundos vales. A situación confírelle unhas características climáticas que se enmarcan dentro do dominio oceánico húmido, pero con certas diferencias respecto ao resto da costa galega, pois tanto a situación latitudinal como a presenza dunha orla montañosa ao S da comarca impiden o paso das masas húmidas do SO, aínda que si penetran as do NO e NL. Así, as precipitacións non chegan aos 1.000 mm (800 en Ribadeo), non obstante cara ao interior increméntanse (1.100 mm na Pontenova) e nas áreas de montaña acadan valores importantes (1.600 mm). As precipitacións concéntranse no inverno, pero o verán non é seco, pois a constante nubosidade de estancamento e as néboas na costa e nos vales interiores fan que non exista aridez estival. A neve é apenas inexistente nas montañas situadas máis ao N, aínda que no S, nos cumios do Pousadoiro, son máis frecuentes. As temperaturas medias anuais aproxímanse aos 14°C, inferiores ás rexistradas na costa central e occidental da Mariña. Nos vales do Eo e o Masma apenas existen diferencias respecto á costa, aínda que na Pontenova as medias son máis baixas (12,5°C), e na montaña aínda máis (10-11°C). O inverno é suave na costa (8-9°C en Ribadeo) e máis fresco no val do Eo (7,5°C na Pontenova), mentres que na montaña os valores son inferiores (4-5°C). O verán tamén amosa valores ao redor dos 18-19°C na costa, máis elevados nos vales do Eo e o Masma (19-20°C), pero xa na montaña as temperaturas son máis frescas (15-16°C). Os días de xeada son practicamente inexistentes na costa, pero si frecuentes no interior e máis habituais na montaña. A oscilación térmica é moi feble (9-10°C) na costa e máis acusada nos vales do Eo e Masma e na montaña. Finalmente, o verán está caracterizado pola intensa nubosidade e pola constante influencia dos ventos do NL que fan refrescar as temperaturas. Os cursos máis importantes son o Eo, límite natural (en distintos tramos) con Asturias que, proveniente dos cumios do Pousadoiro, penetra na Mariña Oriental con dirección S-N aproveitando as fracturas existentes para desembocar na ría de Ribadeo. O Masma, pola súa parte, fai de límite coa Mariña Central nun val máis amplo ca o Eo, aínda que se encaixa na súa desembocadura na ría de Foz.
Xeografía humana
A comarca concentra a maior parte da súa poboación na franxa costeira, con densidades próximas aos 100 h/km2(máis de 500 h/km2en Ribadeo e os seus arredores), cunha menor ocupación nos vales do Eo e o Masma (25-50 h/km2) e densidades moi baixas na montaña (menos de 20 h/km2). Diferéncianse dúas etapas na evolución da poboación: a primeira delas, desde finais do s XIX ata 1940, en que as constantes saídas cara a América (Cuba e Arxentina fundamentalmente) e o alto crecemento vexetativo fixeron que o número de efectivos demográficos se mantivese estancado arredor de 24.000 h (23.697 h en 1887, 23.448 en 1900, 23.490 en 1930 e 24.083 en 1940). A partir desta data, a poboación coñeceu unha etapa regresiva que se mantén (23.622 en 1950, 20.528 en 1970 e 17.732 h en 1996). A emigración cara a Europa (Suíza, Reino Unido e Alemaña), cara a Asturias (Oviedo, Avilés e Gijón) e cara ás vilas da Mariña Central (Foz e Burela) fixeron mermar a poboación desta comarca. Ademais a cabeceira comarcal, malia o seu importante crecemento, non foi capaz de absorber os excedentes de poboación do medio rural. Os concellos de maior tradición emigratoria foron Trabada e A Pontenova, con perdas de poboación constantes desde principios de século (de máis do 50%), mentres que en Barreiros este descenso demográfico foi menor e máis recente (desde 1950). Pola súa parte Ribadeo mantívose estancado ao redor dos 9.000 h, recuperándose nos últimos anos como consecuencia da atracción de poboación do rural da propia comarca e do occidente de Asturias e do retorno de emigrantes. O peso de Ribadeo na poboación da comarca (máis do 50% dos habitantes da Mariña Oriental viven neste concello e practicamente un terzo na cabeceira ribadense) é importante. A Pontenova é unha pequena vila situada no S da comarca, cun crecemento tamén importante nos últimos anos, que a consolidou como centro de servicios de ámbito supramunicipal (exerce a súa influencia sobre os concellos de Riotorto, na comarca de Meira, Trabada e os asturianos de Taramundi e San Tirso de Abres). A súa evolución demográfica foi positiva ao longo do século e o seu crecemento espacial foi lineal ao redor da estrada N-640 coa barreira natural do río Eo. Na estrutura por sexos as mulleres teñen un maior peso (52,5%) pola maior emigración e mortalidade masculina. No que respecta á estrutura por idades, os vellos xa supoñen máis da cuarta parte de poboación (26,2%), mentres que os menores de 20 anos non chegan á quinta (18,1%). Isto maniféstase nunha importante taxa de envellecemento, a maior das tres comarcas costeiras lucenses. Os concellos cun maior avellentamento son A Pontenova, Trabada e Barreiros, mostrando Ribadeo unha maior porcentaxe de novos pola existencia dun ente urbano como é a cabeceira comarcal. O saldo vexetativo é, a causa deste envellecemento, totalmente negativo (-10,55‰), consecuencia dunha baixísima natalidade (4,79‰) e dunha alta mortalidade (15,34‰).
Xeografía económica
É unha comarca onde as actividades agrarias aínda teñen un peso importante na súa economía, malia a perda de activos en favor dos sectores secundario e, sobre todo, terciario. A distribución porcentual dos ocupados na comarca (33% primario, 27,5% secundario e 39,4% terciario) amosa que as actividades agropecuarias supoñen practicamente un terzo do emprego total. A gandería vacúa de aptitude láctea mostra un gran dinamismo nos concellos de Trabada, Barreiros e Ribadeo, especialmente nestes dous últimos, onde se levaron a cabo os traballos de concentración parcelaria nas parroquias do litoral. As amplas superficies dedicadas a prado na Rasa Cantábrica fixeron que se incrementase a produtividade gandeira, coa creación de grandes granxas de vacún lácteo. Do mesmo xeito, no interior do concello de Barreiros, así como no de Trabada, existen grandes superficies de prados onde medran especies herbáceas coma o ray-grass, a alfalfa e o trevo, idóneas para o alimento do gando vacún. Deste xeito, a orientación dos cultivos cara ao alimento gandeiro marca a evolución das paisaxes na comarca. Nas áreas montañosas (A Cadeira e O Pousadoiro), especialmente no concello da Pontenova, a gandería vacúa de carne adquire maior importancia, co pastoreo libre de reses nos montes. A pesca, que ocupa só ao 2,5% dos activos, tivo maior peso no pasado nos portos de Ribadeo e Rinlo, non obstante neste último aínda posúe importancia como actividade. Ademais, existe en Ribadeo un centro de investigación mariña que depende da Xunta de Galicia. Derivada desta especialización gandeira, a industria orientouse cara á produción de pensos e fertilizantes, de xeito que se localizan en Ribadeo dúas empresas de grande importancia. A presenza dunha escola de Capacitación Agraria (Escola Pedro Murias) nas proximidades de Ribadeo, explica a relevancia que teñen as actividades do campo na comarca. Outra rama industrial que mostra gran dinamismo é a madeireira, que conta con recursos propios (eucalipto e piñeiro) no interior da comarca. A industria metalúrxica, de gran tradición na Pontenova, fixo que grazas á iniciativa local se creasen empresas do ramo. Finalmente, dentro das actividades industriais, maniféstase como un ramo en crecemento o envasado de bebidas en Ribadeo. A construción é unha actividade destacable, en especial na vila de Ribadeo nos últimos 15 anos, etapa en que tivo un maior crecemento edificativo, e no concello de Barreiros, onde existe o maior número de residencias secundarias estivais de toda a provincia de Lugo. O sector terciario posúe un maior peso dentro da economía, sendo a vila de Ribadeo a que concentra os servicios administrativos, comerciais e de ocio de toda a comarca, en menor medida representados tamén na Pontenova. A tradición comercial ribadense está representada polo gran número de actividades que existen na vila, de maneira que posúe unha alta concentración de servicios comerciais, moi superiores ao seu potencial demográfico, pero que serven á ampla área de influencia directa da vila. Do mesmo xeito, o porto de Mirasol mostra unha grande actividade ao ser punto de exportación de produtos como a madeira, transformados metálicos ou derivados da agricultura (pensos) cara ao exterior. A hostalería, moi relacionada co turismo, está ben representada en dous concellos: Ribadeo e Barreiros. No primeiro deles, é a capital municipal a que concentra o maior número de establecementos como consecuencia da atracción turística estival e dos numerosos visitantes que recibe durante as fins de semana. Barreiros, pola súa parte, concentra estes servicios na liña de costa, pois durante os últimos dez anos tivo un gran desenvolvemento turístico, atraendo investimentos na hostalería e na actividade inmobiliaria. Os servicios públicos adquiren relevancia ao contar con varios centros de ensino secundario (Ribadeo, Barreiros e A Pontenova). A taxa xeral de actividade situábase no 38,5%, unha cifra baixa se se compara coa media galega (60%), a causa da escasa actividade das mulleres (28,9%). As taxas de paro non eran demasiado elevadas en 1996 (14,6% para o total comarcal, 12,6% nos homes e 17,5% nas mulleres). As vías de comunicación máis importantes son as estradas N-634, que entra na comarca polo SO atravesándoa pola costa cara a Asturias a través da ponte dos Santos, e a N-640, que parte de Ribadeo cara a Lugo bordeando a ría do mesmo nome e atravesando os concellos de Trabada e A Pontenova. O ferrocarril FEVE atravesa este espazo pola costa e conta cunha importante estación en Ribadeo, desde onde se dirixe cara a Vegadeo, bordeando a ría.
Historia
Os restos arqueolóxicos localizados no territorio da Mariña Oriental amosan o poboamento destas terras desde a Antigüidade. Ademais da castrexa, a presenza romana testemuñouse coa existencia dunha antiga calzada romana entre Lugo e Asturias que atravesaba a comarca. A presenza musulmá debeu ser breve e a repoboación iniciouse durante o reinado de Paio I de Asturias, comezando por Ribadeo. Sé do bispado, a igrexa de Ribadeo conservou o rango de catedral ata o 918, cando Ordoño II trasladou a sé a Mondoñedo, onde permaneceu, tras varios conflitos, desde 1270. A comarca foi colonizada polas ordes monásticas, especialmente o Císter, que repoboaron as terras e fundaron numerosos templos e construcións, dos que destacou o mosteiro de Santa María de Meira. O dominio da Igrexa sobre a comarca prolongouse durante os séculos seguintes, baixo os reinados de Fernando II e Afonso IX, coa creación dun señorío de abadengo en Ribadeo. A presión dos señores laicos (os Pardo de Cela, os Osorio, os Losada e os Miranda) sobre as posesións da Igrexa, provocaron duros enfrontamentos no s XV e levaron á caída do mariscal Pardo de Cela (1483). A relevancia económica e comercial do porto de Ribadeo polos seus estaleiros, institucións administrativas e a súa situación estratéxico-defensiva no Cántabrico, provocou o incremento da súa poboación e converteuse na porta do Reino de Galicia para o comercio con América e a Europa do N no s XVIII. A fundación da Real Fábrica de Fundición e Louza de Sargadelos no municipio de Cervo, a finais do s XVIII, afectou profundamente á comarca. A proclamación da Constitución de 1812 supuxo a substitución dos señoríos pola administración municipal no período 1820 e 1823. A derrogación en 1823 da Constitución de Cádiz supuxo a volta ao réxime señorial ata que en 1835 se recuperou definitivamente o municipalismo. A comezos do s XIX, durante a invasión francesa, os veciños, dirixidos polo alcalde de Trabada Melchor Díaz de la Rocha, presentaron unha dura resistencia. A explotación dos xacementos de limonita na Pontenova por unha sociedade vasca desde o s XIX incidiu no desenvolvemento comarcal e levou á construción dunha liña de ferrocarril que unía as minas co porto de Ribadeo (1905), onde se embarcaba. A explotación prolongouse ata a Guerra Civil Española (1936-1939).
Patrimonio cultural
As mostras máis antigas do patrimonio cultural corresponden a conxuntos megalíticos como as mámoas de Xudán (A Pontenova) e San Miguel de Reinante (Barreiros), e o menhir do Marco da Pena Verde (Trabada). Das pegadas deixadas pola cultura castrexa destacan os castros de Vilamar en Barreiros, e os de Goios, Rececende e Vilaboa, na Pontenova. Da arquitectura relixiosa destacan as igrexas de Santa María do Campo (Ribadeo) e San Xiao de Sante (s XVI) en Trabada; e as capelas da Ermida (A Pontenova), da Atalaia (Ribadeo) e de San Pedro de Benquerencia (s XVI), en Barreiros.Na arquitectura monástica destacan os mosteiros de Santa María de Meira, declarados Ben de Interese Cultural (BIC) en 1931 e o de Santa Clara de Ribadeo (ss XIII-XV). Nas obras de arquitectura militar e defensiva inclúense o castelo de San Damián (Ribadeo) e a casa-torre de Pumarín (Barreiros). No eido da arquitectura civil destacan a casa dos Moreno (s XX) e o palacio do primeiro marqués de Sargadelos (s XVIII), convertida despois en casa do Concello de Ribadeo. Dos pazos sobresaen os de Outeiro (Barreiros), a casa do Seixo da Veiga en San Xusto de Cabarcos (Barreiro), o pazo de Vilaxe (A Pontenova), o de Pacio e o pazo e a torre de Terrafeita (Trabada). Das festas que se celebran destacan a de Bertomeu en Barreiros, a da Virxe do Campo en Ribadeo e a de San Lucas na Pontenova.