Mariscal, O
Mariscal, O
[LIT]
Obra dramática escrita por Ramón Cabanillas e Antón Villar Ponte e publicada na Coruña en 1926. Trátase dunha peza teatral escrita en verso con tres actos que se dividen, á súa vez, en xornadas, cadros e escenas. Os actos están precedidos por un prólogo que serve de introdución histórica aos feitos e tenta explicar a finalidade da obra. Conta cun gran número de personaxes, aínda que destaca de forma especial o papel do Mariscal Pedro Pardo de Cela, que se presenta como un heroe da causa nacionalista galega fronte á traizón dos nobres galegos e casteláns. Cabanillas adaptou o texto para un libreto operístico titulado tamén O Mariscal, que contou co deseño escenográfico de Camilo Díaz Baliño e foi estreado en Vigo en 1929.