marisco
(< mar)
Calquera animal mariño invertebrado e provisto de exoesqueleto, especialmente os crustáceos e os moluscos comestibles. Os mariscos poden vivir no litoral rochoso, fixos ás rochas ou sobre elas, nos fondos brandos, enterrados na area ou sobre ela, e no fondo en zonas de pedras e algas, no interior das rías. Os mariscos máis representativos entre os moluscos son o caramuxo ou mincha, a lapa, o berberecho, as zamburiñas, a ameixa, a ostra, a navalla, o mexillón, o choco, o polbo ou a volandeira; entre os crustáceos, o percebe, a gamba, o camarón, a cigala, o lumbrigante, o boi, a lagosta, a nécora e a centola, entre outros, e dentro dos equinodermos está o ourizo de mar. En Galicia os mariscos máis abundantes son o mexillón e o berberecho. A maioría das especies marisqueiras están sometidas a un período de veda, que depende do ciclo biolóxico de cada especie, e dunhas medidas e idades legais mínimas. A forma de recolección destas especies depende do hábitat en que se localiza. O marisco galego está considerado un dos mellores do mundo debido á súa xeografía e á riqueza das súas augas, que favorece o crecemento do seu alimento. Admite múltiples preparacións gastronómicas, aínda que o máis común é presentalo cocido con sal e, ás veces, con loureiro.