marisma
(< lat maritĭma [ōra] ‘beira do mar’)
Terreo lixeiramente deprimido que resulta asolagado polas augas mariñas cando sobe a marea. Tamén pode estar situada nunha zona de esteiro e verse afectada polas achegas fluviais. Está formada por sedimentos, normalmente limos e areas achegadas polo mar ou polos ríos, enriquecidos con materia orgánica, que permiten o desenvolvemento de ecosistemas de grande interese biolóxico. As condicións variables de humidade, salinidade e profundidade favorecen a aparición de diversos tipos de plantas superiores, algas e fitoplancto. Nas zonas mergulladas pódense atopar plantas semellantes a algas, nas beiras encharcadas de elevada salinidade abundan as plantas do xénero Salicornia, acelgas marinas (Beta marítima) e outras especies suculentas, e nas zonas de máis baixa salinidade e pouco somerxidas aparecen os xuncos mariños, os carrizos e as espadanas.